EDUCACIÓN
Carballo será pioneiro na fase experimental do proxecto Fitnessgram
Martes 22 de novembro do 2005
O programa FITNESSGRAM está concebido para utilizar co ordenador e ofrece unha versión interactiva para o alumno e constitúe unha base de datos para o profesor. Conta con dous módulos co dobre obxectivo de promocionar a actividade física regular e promocionar valoracións da condición e actividade física, contribuindo a unha mellora da saúde e do benestar das persoas. O programa FITNESSGRAM incorpora probas para valorar a condición física e o cuestionario para valorar a actividade física. A incorporación da nova tecnoloxía permite ser de grande utilidade para o almacenamento e manexo da información recollida. Ademáis, o programa asegura a participación activa do alumno, incrementándose o interese e implicación no proceso educativo e na mellora dos hábitos de vida. O Módulo Fitnessgram consiste nunha batería de test de condición física relacionada coa saúde dirixida a a nenos e nenas de 5 a 17 anos. Consta de 13 probas que contribúen á medición dos tres compoñentes da condición física que foron identificados como máis importantes pola súa relación coa saúde e cun funcionamento óptimo do organismo, como a capacidade aeróbica, a composición corporal e a forza, resistencia e flexibilidade muscular. Unha vez completados no programa os resultados e respostadas as preguntas, éste elabora un informe no que se resalta o criterio para actuar dentro duns parámetros razoablemente saudables. O Módulo Activitygram é un cuestionario autoadministrado que permite valorar a cantidade e o tipo de actividade física realizada nos últimos tres días. Presenta unha estructura orientada para a súa utilización no marco escolar con nenos e adolescentes desde os 10-11 anos. O usuario/alumno debe rexistrar o tempo e o tipo de actividade física de baixa, media e alta intensidade, a traverso dun recordo guiado no que se lle solicita indicar a actividade principal que realizou en cada período de 30 minutos desde as 07,00 horas ata as 23,30 horas. O programa emitirá entón un informe personalizado no que se lle comunica ao usuario se cumple as recomendacións de realizar ao menos 60 minutos diarios de actividade física de intensidade media aou alta e se o tipo de actividade física que realiza inclúe actividades nos distintos nivéis da "Pirámide de Actividade". O profesorado de Carballo e os responsables do INEF manterán comunicacións a principios do vindeiro ano para concretar o desenvolvemento experimental do programa nos centros educativos do municipio.