IGUALDADE
Comeza a traballar o equipo do proxecto Equal de Carballo
Luns 18 de xullo do 2005
O proxecto Equal está orientado a implantar novas estratexias para eliminar a desigualdade de xénero no mercado laboral. Para desenvolvelo, cóntase con tres equipos de traballo que se van situar nos concellos que participan no programa: Cerceda, A Coruña e Carballo. O persoal co que conta dende 18 de xullo a concellaría de Sanidade, Servizos sociais e Muller, está composto por un técnico en inserción e autoemprego e un técnico en inserción e formación.
Equal, "En plan de igualdade", conta con dúas liñas de actuación principais: a de inserción e a de igualdade. Na primeira delas inclúense estratexias de traballo máis relacionadas coa conciliación da vida laboral e familiar, como a creación dun servizo de guardería ou dun centro de atención do fogar. Na área de igualdade as accións céntranse na redución dos desequilibrios entre traballadores e traballadoras. Algunhas medidas concretas previstas no proxecto son as auditorías de xénero ou os plans de acción positiva.
A Asociación Coruña Solidaria é a encargada de desenvolver o proxecto Equal nos concellos de Carballo, A Coruña e Cerceda, que supón unha zona de influencia de 277.866 habitantes. A asociación componse, ademais destes tres concellos, polos sindicatos CCOO e UXT, polas asociacións Cáritas, Cruz Vermella e Aclad, pola Fundación Mujeres, pola Universidade da Coruña, pola Fundación Paideia, e por empresas como a Caixa Galicia ou La Voz de Galicia.