ASESORAMENTO A INMIGRANTES
O cónsul do Uruguai atende os cidadáns residentes en Carballo
Xoves 30 de xuño do 2005
A visita do cónsul vénse facendo periodicamente dende o pasado mes de maio, debido á importancia que ten este colectivo de inmigrantes, non só neste concello senón tamén en toda a comarca de Bergantiños. Tan só en Carballo o número de cidadáns residentes nacidos no Uruguai é xa moi amplo, un total de 507 persoas, destes hai 251 que conservan a nacionalidade uruguaia.
O consulado ofrécelle aos interesados un servizo de asesoramento xurídico, sobre contratos, permisos de residencia, visados e información en xeral sobre calquera outro tipo de xestión consular. A corporación municipal, co obxectivo de garantir ese servizo, habilita unha das salas do Pazo da Cultura para que o cónsul poida solucionar estas xestións en Carballo. Con isto, evítase que os uruguaios residentes na comarca fagan o esforzo de se desprazar a Santiago de Compostela, para se informar ou para lle expor ao consulado as dificultades coas que se atopan.