Inicio Carballo ao día Hemeroteca A fusión de soul e jazz de Charmaine...

VERÁN CULTURAL

A fusión de soul e jazz de Charmaine Neville chega a Carballo

Venres 15 de xullo do 2005

A banda de Charmaine Neville está consolidada como unha das máis prestixiosas da tradición musical de Nova Orleans. Nas súas composicións destaca a mestura de ritmos que van dende o blues á música étnica. O grupo ofrece en Carballo este concerto despois de participar nun dos festivais máis importantes de España, o Festival de jazz de San Sebastián.

Os afeccionados ao folk teñen unha cita o venres 15 con Fol de veneno, que está na praza do Concello a partir das 22.30 horas. O grupo carballés, formado hai catro anos, está preparando o lanzamento do seu primeiro disco. No seu repertorio de música tradicional predominan as composicións das terras de Bergantiños e da Costa da Morte.

A fin de semana complétase cunha actividade lúdica para os máis pequenos. O espectáculo de maxia de Benjamín e Loli inclúe pombas, panos, escapismo e moito humor. Todos os ingredientes da maxia tradicional para amenizar unha tarde de verán. A actuación é o venres 15 na Praza do Concello, a partir das 20.00 horas.

Este ano a programación cultural do Concello caracterízase pola busca do equilibrio entre as diferentes idades e intereses dos veciños de Carballo. O Verán cultural é unha aposta pola variedade, deste xeito inclúense neste programa música folk, jazz, blues, rock, maxia, teatro infantil, exposicións culturais, as noites de cine, a tradicional feira do libro e a actuación dos grupos de rock locais.

Compartir: