Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello apoia a tradición oral...

ACORDO PLENARIO

O Concello apoia a tradición oral galego-portuguesa como obra mestra do patrimonio inmaterial da humanidade

Xoves 27 de outubro do 2005

No ano 1995, co motivo da inauguración dunha ponte internacional entre as localidades de Salvaterra, en Galiza, e Monçao, en Portugal, un grupo de escolas con experiencias en radio escolar, deciden erguer unha ponte de comunicación entre o alumnado de ensino medio e primario das comarcas minhotas veciñas, mediante a posta en antena dunha xornada de radio realizada integramente por alumnado de 16 centros educativos das duas marxes do Miño. Dende entón, a experiencia foi incrementando a participación de novas escolas, entre elas a rede de Escolas asociadas a UNESCO, e tamén a actividade foi converténdose nun acontecemento cultural que ten entre os seus obxectivos a recuperación do patrimonio cultural común galego-portugués. Entre as moitas acividades de dinamización da cultura oral galego -portuguesa xurdiu a proposta de unha candidatura para que a UNESCO declare o patrimonio inmaterial intanxible da tradición oral galego-portuguesa como obra mestra do patrimonio inmaterial da humanidade.

Desde o ano 2001 a asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas integrada por profesorado das dúas marxes do Miño estivo contactando con particulares, asociacións, organismos, universidades e institucións para dar a coñecer a iniciativa coa finalidade de instar ás administracións galega, española e portuguesa a presentación desta candidatura á UNESCO. Despois de acadar o apoio de numerosas entidades e institucións (o parlamento galego, o goberno galego e estase a traballar no parlamento europeo) o pasado 18 de outubro foi presentada formalmente na División do Patrimonio Inmaterial da UNESCO a candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués para o seu recoñecemento como obra mestra do patrimonio inmaterial da humanidade, polos gobernos portugués e español. A resolución de tal proceso, e a proclamación, están previstas para o dia 25 de novembro deste ano 2005. A candidatura recolle aquelas manifestacións da tradición oral que amosan unha historia e cultura compartida entre os dous pobos e que aínda hoxe permanece viva en moitos aspectos. Esta cultura oral común conforma un amplo abano de manifestacións literarias, musicais e etnográficas: literatura popular, os cantares de desafío ou regueifas, contos e lendas, tradición oral ligada ás actividades agro-marítimas, os oficios tradicionais e as súas falas e saber, formas simbólicas, ornamentais e musicais...entre outros son algunhas das expresións desta cultura común incluídas nesta candidatura.

O acordo adoptado pola Corporación Municipal fai fincapé en catro puntos:

  • A corporación municipal expresa o seu apoio á candidatura presentada pola asociación Ponte ...nas Ondas para a declaración do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués como obra mestra do patrimonio oral e inmaterial da Humanidade.
  • O Concello de Carballo dirixirase a Comisión Promotora da candidatura para manifestarlle, mediante certificación deste acordo remitido por correo electrónico, o apoio á candidatura desta corporación municipal.
  • O Concello de Carballo fará publico, nos medios de comunicación e na súa páx. web, a adopción destes acordos coa finalidade de contribuír á implicación da sociedade galega nos procesos de apoio a esta candidatura.
  • O goberno municipal seguirá promovendo, dentro do seu marco territorial e competencial, actividades na defensa, conservación e difusión deste patrimonio oral común.
  • Compartir: