TRANSPORTE PÚBLICO
O Concello insta á Xunta a garantir o servizo de autobuses que realizaba Arriva
Xoves 14 de xullo do 2005
O rexedor entrevistouse co secretario da Federación de Transportes e Comunicacións da CIG, Xesús Pastoriza, que lle manifestou a súa preocupación polas consecuencias que pode ter para os centos de usuarios da Costa da Morte o feito de que as liñas de transporte público dependan de tres grupos empresariais diferentes. "Unha mesma viaxe pódese dividir en tres tramos con empresas distintas e isto, ademais, supón un incremento no prezo do billete", sinalou. O sindicato ten previsto reunirse co resto dos concellos da zona para lles solicitar o seu apoio.
Arriva vendeulle as concesións das liñas Santiago - Baio ao grupo carballés Aucasa, Autocares Vázquez adquire o eixo A Coruña - Fisterra, e Monbús os traxectos que unen a Santiago con Fisterra. Ningunha das tres empresas poderá comezar a traballar ata que a Xunta non o autorice.
O alcalde de Carballo vaise dirixir por escrito á Dirección xeral de Transporte da Xunta de Galicia para amosar a súa preocupación sobre o tema e para solicitar que a posta en funcionamento dos servizos destas novas empresas non se faga ata que non se peche o expediente de transmisión das liñas de transporte. "Non cómpre actuar precipitadamente porque hai moitos usuarios da Costa da Morte que poden ter moitos problemas de comunicación", indicou Evencio Ferrero.
Na reunión, que se celebrou o xoves 14 de xullo no Concello, estiveron presentes tamén o secretario comarcal da federación de transportes, Ernesto López Rei, o presidente do comité de empresa de Arriva Noroeste, José Suárez Villar, e mais o secretario comarcal da CIG, Indalecio López Rodríguez.