CÁMARA DE COMERCIO
O Observatorio Socioeconómico de Carballo presenta novos proxectos
Martes 18 de outubro do 2005
O Director Xeral da Cámara de Comercio presentou os proxectos deseñados en función das liñas estratéxicas definidas nos diferentes foros do Observatorio Socioeconómico de Carballo. Así, ademáis da presentación da páxina web oficial da Antena, abordáronse diferentes proxectos concretos:
- Difusión e xestión da oferta formativa e da reciclaxe laboral. O obxectivo é aglutina-la información sobre posibilidades formativas existentes na comarca, de xeito que sexa difundida polo Observatorio ós centros de Educación Primaria e Secundaria e ás asociacións de empresas. Ademáis, preténdese promociona-la formación continua e promover novos sistemas de formación a distancia existentes na actualidade en formato papel, on line ou semi-presenciais.
- Análise de Ocupación dos Polígonos Industriais e posibilidades de reordenación dos proxectados. Neste aspecto búscase analiza-la ocupación dos Polígonos segundo sectores de actividades e as posibilidades de reordenación dos mesmos. Tamén ten por obxecto a extracción de conclusións para a planificación da implatación de empresas nos novos polígonos previstos. O polígono industrial de Bértoa servirá como exemplo para planifica-la implantación de novas empresas en base ás posibilidades de ordenación sectorial extraídas das experiencias actuais.
- Foros de cooperación e diversificación empresarial. O obxectivo é a creación de participación para a discusión de estratexias de integración vertical de sectores económicos e posibilidades de diversificación económica. O proxecto trata de xerar espacios de entendemento entre as diferentes empresas da zona e consiste na convocatoria de grupos de traballo en función dos sectores de actividade máis relevantes da zona.
- Recopilación de información sobre emprendizaxe. Neste apartado preténdese a recopilación e difusión dende os servizos do Observatorio de información relacionada coa emprendizaxe para facilita-las xestións dos emprendedores. A difusión sería a base do servizo de "ventanilla única" a deseñar para o Observatorio. con este servizo estase a dar resposta ás solicitudes constantes de información que se presentaron en tódolos foros.
- Análise de deficiencias no Sector Turístico. O obxectivo resúmese na detección das deficiencias presentes nos servicios turísticos da zona. Unha análise da caldade percibida ofrecería un completo panorama das deficiencias do sector turístico da zona, polo que se debería deseñar unha serie de cursos específicos que combatan directamente estas deficiencias.
- Seminarios para excelencia na empresa turísitica. A idea é a de solventar as deficiencias detectadas no análise de deficiencias do sector turístico do territorio. Os seminarios estarán caracterizados por ser productos de baixa intensidade, é dicir, cunha temporalización flexible e adaptada ós requerimentos dos alumnos.