Inicio Carballo ao día Hemeroteca Expertos e profesionais debaten sobre a...

OBSERVATORIO ECONÓMICO

Expertos e profesionais debaten sobre a dinamización do turismo na Costa da Morte

Martes 12 de xullo do 2005

O Observatorio Económico Local de Carballo celebra a segunda das reunións previstas con expertos e profesionais na que se tratarán de definir as liñas estratéxicas de promoción do sector turístico na zona. O obxectivo final é crear ferramentas de traballo que lle permitan ás empresas, aos axentes, ás institucións e mesmo ao Observatorio monitorizar o potencial e as necesidades propias do seu sector; así coma o desenvolvemento de posibles proxectos ou iniciativas de apoio empresarial.

A reunión comezará coa exposición das principais liñas estratéxicas de actuación para o desenvolvemento do sector turístico, recollidas no documento O sector turístico na Costa da Morte: liñas estratéxicas de actuación. A continuación, e antes de que comece o debate, intervirán o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Turismo e Xuventude, Manuel Luis Pan, e mais o xerente do Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte, Ignacio Fernández Dosil.

Estas reunións, que se manteñen dende o luns 11 de xullo e continúan ata o mércores 13, preténdense empregar como unha ferramenta de achegamento á realidade socioeconómica da Costa da Morte, co fin de determinar as necesidades, as problemáticas e as estratexias clave en cada un dos temas a tratar. O primeiro foro de reunións centrouse en detectar e en priorizar os factores clave destas áreas na comarca, mentres que nestas segundas sesións o obxectivo é definir e priorizar as liñas estratéxicas de actuación en cada un dos temas.

Compartir: