LINGUA
Carballo inicia unha campaña de promoción do galego no ámbito socioeconómico
Luns 3 de outubro do 2005
Na primeira fase de Incrementa o teu interese difundirase a imaxe da campaña a través de adhesivos, dípticos, carteis e anuncios; ao tempo que se promocionará o comercio de calidade de Carballo e o uso do galego como parte desa calidade.
No marco da campaña organizaranse tamén dous cursos dirixidos aos comeciantes de Carballo. O primeiro deles será un Curso de optimización da comunicación empresarial, que se desenvolverá entre finais de outubro e principios de novembro. Consistirá en 20 horas prácticas nas que se traballará na mellora e na modernización da elaboración de textos e de documentos relacionados co comercio. A outra das actividades previstas é un Obradoiro de estratexias de atención ao público para o comercio, que se desenvolverá durante 15 horas no mes de novembro.
Segundo indicou o Servizo de Normalización Lingüística, a lingua da maior parte da poboación do municipio é o galego e un 85% da clientela prefire a publicidade neste idioma. A iniciativa do Concello pretende responder a esta demanda facilitándolle aos comerciantes a elaboración da publicidade, da etiquetaxe, da documentación, etc., en lingua galega, ademais de facilitarlle asesoramento lingüístico e información sobre as diferentes axudas para a galeguización do sector socioeconómico que conceden as distintas administracións.
Ao acto de presentación da campaña Incrementa o teu interese - celebrado o luns 3 de outubro - asistiron o Alcalde do Concello, Evencio Ferrero, a concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro, e o concelleiro delegado de Industria, Comercio, Feiras e Mercado de abastos, Xoán Francisco Pérez Ferreiro. Na presentación anunciouse que a campaña se poderá prolongar durante o ano 2006 e abriuse a posibilidade de concretala nun futuro en ámbitos máis específicos.