Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello organiza o programa Aprender para...

ESCOLA DE PAIS E NAIS

O Concello organiza o programa Aprender para educar

Luns 3 de outubro do 2005

Tanto dende o Concello como dende a AS-PG se entende que os pais e nais deben aprender a analizar as problemáticas da sociedade actual para poder afrontar a súa responsabilidade educativa. "A familia do século XXI ten o reto de conxugar os valores democráticos coa necesaria autoridade que, polo seu papel, lles corresponde asumir", explican os responsables do programa.

A escola de pais e nais é un espazo de encontro e de apoio na tarefa educativa que tanta importancia vai ter no desenvolvemento social e persoal dos fillos. O programa é a continuación da iniciativa posta en marcha durante o anterior curso escolar e que tivo "moi boa acollida", segundo sinalou a concelleira delegada de Ensino, Belén Lendoiro. Aprender para educar está composto por cinco conferencias sobre diferentes temas de interese para os pais, que se celebrarán a partir das 20.00 horas, e que serán as seguintes:

  • A favor da educación, a cargo de María Xosé Bravo San José, o 7 de outubro.
  • Autoestima, aprendizaxe e relacións familiares, a cargo de Hipólito Puente Carracedo, o 21 de outubro.
  • Educación para a saúde, a cargo de Ramón Veras Castro, o 11 de novembro.
  • Educar os sentimentos, as emocións e a sexualidade, o 25 de novembro.
  • Como facer lectores, a cargo de Carme Loriga Tomé, o 16 de decembro.
O programa de conferencias foi presentado o 1 de outubro pola concelleira delegada de Ensino, polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e pola vicepresidenta da Aspg, María Xosé Bravo San José. No acto anunciouse que as persoas que queiran asistir ás charlas contarán cun servizo de canguro se o precisan, que deberán solicitar con antelación no teléfono 981 704 300.

Compartir: