CULTURA
Apróbase a convocatoria de subvencións para o Programa anual de actividades 2005
Martes 4 de outubro do 2005
Con estas subvencións o Concello de Carballo pretende contribuír á promoción da cultura e do tecido asociativo e ao fomento do seu papel no desenvolvemento cultural da zona, así como favorecer o acceso á cultura por parte dos cidadáns e promover a diversidade de propostas culturais.
Poderán solicitar as axudas todas as asociación que teñan a súa sede social no municipio e que realicen nel as súas actividades culturais regularmente, que estean rexistradas no Concello e que as actividades que propoñan non persigan finalidades estritamente de lucro.
Na concesión das subvencións teranse en conta os seguintes aspectos que se ponderarán segundo as porcentaxes que se indican:
- Importancia e interese cultural do programa de actividades e dos gastos realizados en infraestrutura e equipamento correspondentes ao ano 2005. (30%)
- Valoración económica do programa e dos investimentos realizados e dos gastos de mantemento, tendo en conta o plan de financiamento e as axudas económicas que se reciben doutros organismos públicos (20%).
- Número de socios da entidade e número de beneficiarios do programa ou investimento e proxección social do mesmo. (20%)
- Ámbito territorial e social do proxecto, tendo en conta actuacións de interese global para o municipio e a intervención en áreas con necesidades especiais como a zona rural. (15%)
- Consideración das actividades realizadas durante os tres últimos anos. (10%)
- Cooperación entre entidades coa vontade de optimizar esforzos e recursos e estímulo da participación. (5%)