Inicio Carballo ao día Hemeroteca O teatro volve a Carballo co Festival...

LECER

O teatro volve a Carballo co Festival internacional Outono

Venres 30 de setembro do 2005

"O festival xa ten 14 anos, xa rematou a súa infancia e é o momento no que comece a definir a súa personalidade e o seu espazo na cultura galega", sinalou o presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza, que organiza o FIOT.

O festival mantén este ano o seu nivel de calidade e conta cun programa amplo e variado no que teñen cabida profesionais de Galicia, España e mesmo de Europa. Atalaya será a encargada de abrir o festival cunha peculiar versión da traxedia grega Medea. A prestixiosa compañía andaluza engádelle ao título da obra clásica o cualificativo de "estranxeira" para facer unha interpretación máis próxima á sociedade moderna e, en especial, ao drama da emigración. O actor, produtor e director, Rafael Álvarez "El Brujo", pechará os actos coa interpretación da obra de Darío Fo, San Francisco, juglar de dios, de Darío Fo.

Entre as compañías galegas destacan as actuacións de Teatro de ningures, que nos aproximará ao clásico Tartufo, A Factoría Teatro, que presentará outro clásico europeo Tío Vania, e a compañía de teatro de rúa e infantil, Os Quinquilláns, que ofrecerán no casco urbano de Carballo o espectáculo Moby Dick.

Unha das novidades do Fiot será a estrea de Monty Python flying circus: os mellores sketches, unha colaboración das compañías Yllana (Madrid) e Imprebís (Valencia), famosas polo humor e a improvisación constantes nos seus espectáculos. H: o neno obeso quere ser cineasta é unha aposta provocadora e divertida de Sexpeare (Madrid), que tamén se estrea en Galicia.

A representación internacional correrá a cargo do showman franco - alemán Inmo, que mestura a maxia, os xogos malabares, a música e o humor no seu traballo Historia con ou sen bolas.

Ademais destas e doutras actuacións teatrais, o Fiot inclúe a V edición do Certame galego de dramatización de monólogos cómicos "Outono de Teatro", dirixido a afeccionados e profesionais de Galicia, a Rúa dos contos, espectáculos de pequeno formato que achegarán o teatro a espazos non habituais como pubs ou cafetarías. "O obxectivo destas actividades é o de abrir o teatro ao público", explicou Alberto Sueiro.

As actividades paralelas complétanse co V Concurso escolar de teatro lido "Xosé Manuel Eirís", dirixido a asociacións e centros de ensino, e a exposición fotográfica de Pablo Suárez, titulada Viaxes de outono.

Patrocinadores

Na presentación oficial do Fiot 05 participaron - ademais de Alberto Sueiro no nome de Telón e Aparte - o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a delegada provincial de Cultura e Deportes, Milagros Lantes Seara, o presidente da comisión de cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, e o subdirector da Obra Social de Caixa Galicia, Vicente Iglesias, en representación das entidades que dende hai anos están a colaborar coa organización do festival.

Nesta XIV edición, incorpórase a colaboración do Centro de información á muller (CIM) e do Centro comercial Bergantiños - Haley, que estivo representada polo director de Comunicacións de Gadisa, José Luis Fernández.

Compartir: