Inicio Carballo ao día Hemeroteca Juan Luis Galiardo protagoniza "Un home de...

TEATRO

Juan Luis Galiardo protagoniza "Un home de sorte" no Pazo da Cultura

Mércores 28 de setembro do 2005

Un home de sorte presenta a traxectoria vital dun actor xa retirado, interpretado por Juan Luis Galiardo, que fai un balance de grandezas e miserias con moito sentido do humor. A obra é o produto do traballo dun grupo de profesionais de recoñecido prestixio no mundo do teatro e do cinema español.

A obra é un monólogo, dirixido por José Luis García Sánchez, con imaxe plástica realizada polo artista Eduardo Úrculo e unha escenografía de Carlos Evangelista. Trátase de máis dunha hora de monólogo no que un actor xa retirado - Fernando Sanjuan, interpretado por Galiardo - fai balanzo das miserias e das grandezas da súa vida. O personaxe conta co suficiente sentido do humor e lucidez como para se rir de si mesmo e para dar conta da súa traxectoria vital e profesional sen renunciar á autocrítica.

José Luis Alonso de Santos é director da Compañía Nacional de Teatro Clásico dende o ano 2000, conta con máis de 20 obras estreadas con grande éxito de crítica e público, ademais de ser galardoado con premios coma o Nacional de Teatro.

O director da obra, José Luis García Sánchez, conta no seu currículo cunha ampla filmografía como director e guionista. No ano 1981 debutou profesionalmente como director teatral con Goliardos, a primeira compañía de teatro independente de Madrid. García Sánchez dedícase tamén á literatura infantil e conta con máis de 90 títulos publicados.

Juan Luis Galiardo ten participado como actor en máis dun cento de filmes, nos que traballou baixo a dirección de profesionais como Saura, Berlanga, Cuerda, Charlton Heston, Fernando León ou Gutiérrez Aragón. A súa traxectoria profesional continúa na televisión e no teatro. Foi galardoado con diversos premios ao seu traballo de interpretación coma o Goya grazas ao filme Adeus co corazón.

Na organización da representación de Un home de sorte participan o Concello de Carballo e a entidade Caixanova, ás que se suma a colaboración da Deputación provincial da Coruña. O prezo das entradas é de 6 euros e non é posible facer a reserva de localidades, como ocorre normalmente con outras actuacións organizadas por Cultura.

Compartir: