Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reabre o prazo de presentación...

CONTRATACIÓN

O Concello reabre o prazo de presentación de propostas para dous concursos públicos

Mércores 28 de setembro do 2005

O primeiro dos anuncios refírese á contratación da consultoría e da asistencia técnica da acción "Axendas locais 21", prevista no proxecto Interreg IIIA "Turmas. Turismo e desenvolvemento sostibel" (SAT 17/2005). Esta convocatoria foi modificada na cláusula terceira do prego de prescricións técnicas e conta cun importe de licitación de 19.764,70 euros. O prazo de execución máxima remata o 31 de decembro de 2005 e o novo prazo de presentación que se abre é de 15 días naturais, polo que remata o 13 de outubro de 2005.

Na propia web municipal é posible consultar os pregos de condicións administrativas e de prescricións técnicas, así coma os novos anuncios publicados na
prensa e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, que modifican o anuncio publicado no BOP número 208 do 10/09/2005. As propostas deberanse presentar nas oficinas municipais en horario de 9.00 a 13.00 horas.

Aparcadoiro

A outra convocatoria refírese á concesión da construción e explotación do aparcadoiro subterráneo e un edificio dotacional de carácter comercial na Praza do Concello de Carballo (COP 01/2005). O Pleno municipal, durante a sesión do 26 de setembro, acordou modificar o prego de cláusulas administrativas particulares, polo o prazo de presentación de proposicións está aberto de novo.

O anuncio - que modifica o publicado anteriormente - foi enviado para a súa publicación no Diario Oficial da Comunidade Europea o 27 de setembro de 2005. As empresas interesadas contan con 52 días naturais a partir desa data para presentar as ofertas - ata o 18 de novembro - no Rexistro xeral do Concello de Carballo, en horario de 9.00 a 13.00 horas.

O presuposto estimado destas obras é de 9.163.840 euros, e a fianza provisional que se establece é de 183.276,80 euros. As empresas contan con tres meses para redactar os proxectos e dous anos para executalas. O prazo de explotación está fixado en 40 anos.

Para obter máis información sobre os pregos de cláusulas administrativas particulares e as prescricións técnicas dos expedientes de contratación referidos a esta convocatoria haberá que dirixirse ao Servizo de Contratación das oficinas xerais do Concello de Carballo (Teléfono: 981 704 704).

Nova relacionada: O Concello modifica as condicións de presentación de ofertas para construír o aparcadoiro

Compartir: