PLENO MUNICIPAL
O Concello modifica as condicións de presentación de ofertas para construír o aparcadoiro
Martes 27 de setembro do 2005
"A Federación galega de construción consideraba excesivo o apartado referido á clasificación das empresas", explicou Evencio Ferrero, "por iso se decidiu eliminala e comezar de novo co procedemento". A Federación entendía que esta clasificación limitaba a participación de moitas empresas no concurso para construír e explotar esta obra, aínda que si se precisen esas condicións para a empresa á que se lle encargue finalmente a execución.
Polo tanto, o anuncio do concurso público con procedemento aberto para a contratación da concesión da obra pública, para construír e explotar o aparcadoiro subterráneo volverase a publicar no Boletín Oficial da Provincia e abrirase un novo prazo de presentación de ofertas.
Mercado de gando
Outro dos temas que máis debate suscitaron durante o Pleno municipal foi decisión de estimar o recurso presentado por un dos concesionarios do mercado municipal de gando contra o acordo do 30 de maio no que se anulaban as concesións administrativas dos postos.
"Non foi máis ca recoñecer o dereito deste concesionario a permanecer onde estaba", indicou o alcalde. O posto que presentou o recurso é o da pulpeira, que o Concello xa tiña decidido non demoler.
No anterior Pleno, celebrado o 5 de setembro en sesión extraordinaria, o Goberno municipal acordou resolver os contratos de concesión dos postos fixos do mercado comarcal de gando, ademais de adoptar o ditame do Consello Consultivo de Galicia no tocante ao realoxo dos dous postos fixos que aínda estaban pendentes de resolución.