Inicio Carballo ao día Hemeroteca O conselleiro de Medio rural anuncia o...

PROGRAMA AGADER

O conselleiro de Medio rural anuncia o investimento de 3,4 millóns de euros en proxectos para Carballo

Venres 23 de setembro do 2005

A primeira das visitas foi ás obras que o Concello de Carballo está a realizar, dentro do programa Agader, para acondicionar a ribeira do río Anllóns e a zona do Bosque do Añón - A Lagoa. O proxecto consiste na construción e acondiconamento do paseo fluvial, dotado con puntos de recreo e de lecer, a construción dun merendeiro e a instalación de mobiliario urbano, así como de equipamento deportivo e de lecer. Esta actuación conta cun investimento de 500.000 euros e prevese rematala en xaneiro de 2007.

Despois, Suárez Canal visitou as obras de recuperación do contorno natural da fervenza de Entrecruces, que consiste en aproveitar a antiga central hidroeléctrica e mais os muíños para crear unha zona turística e de recreo. No proxecto inclúense tamén a sinalización de rotas e a creación de dous miradoiros e merendeiros nos arredores da minicentral. Esta actuación, que tamén se atopa en fase de execución, ten un investimento de 344.823,20 euros e prevese rematala en maio de 2006.

Dos oito proxectos do programa Agader hai cinco que están actualmente en execución - entre os que se atopan os dous que visitou o conselleiro - mentres que outros tres están pendentes de iniciar as obras. Segundo explicou Suárez Canal, as iniciativas consisten na valorización de vehículos fóra de uso, no equipamento dun taller de reparación mecánica, na posta en marcha de dous establecementos de turismo rural, na adquisición de maquinaria para unha empresa de corte e elaboración de pedra natural, na construción dun museo ornitolóxico e a ampliación dun campo de golf.

Compartir: