DESENVOLVEMENTO RURAL
O alcalde e Suárez Canal manteñen un encontro co sector agrogandeiro da comarca
Venres 23 de setembro do 2005
O conselleiro destacou a "clara vocación agrogandeira e forestal" da comarca de Bergantiños na xuntanza que mantivo no Concello, á que tamén asistiron o director xeral de Desenvolvemento rural, Edelmiro López Iglesias, e a delegada provincial da Consellaría, Olga María García Agra.
Entre os temas que tratou, Suárez Canal anunciou que para o vindeiro ano vai estar en marcha un banco de terras e explicou a política da Consellaría en canto á concentración parcelaria: "Non se vai concentrar por concentrar senón que se fará só con proxectos que teñen asociados un plan socieconómico".
No encontro, ao que asistiron entre 60 e 70 persoas do sector gandeiro, agrícola e forestal - o titular de Medio rural salientou a necesidade de "avanzar na profesionalización do sector, implantando industrias de primeira e segunda transformación que contribúan a reactivar economías locais onde o sector primario ten unha grande relevancia", como é o caso de Carballo. Suárez Canal insistiu na necesidade de non asociar un sector agrogandeiro importante cunha economía atrasada.