COMERCIO
Comercio comprométese a colaborar no proceso de renovación do mercado municipal
Martes 3 de abril do 2007
O subdirector xeral de Comercio, Xosé Manuel Fernández, abriu as charlas cunha exposición das axudas previstas pola Xunta de Galicia dentro do plan de renovación do comercio galego. A cantidade a repartir, dirixida a concellos, comerciantes e asociacións de empresarios, ascende aos 26 millóns de euros. Na segunda ponencia, Roberto Alonso, xefe da Área de Mercados Minoristas de MERCASA analizou as claves que determinan o futuro máis inmediato do Mecado Municipal de Carballo, do que dixo que un dos seus problemas era que actuaba aillado. Víctor Martín, profesor da Universidade Complutense de Madrid, falou do papel do Urbanismo Comercial na revitalización das cidades, na terceira das ponencias. A última correspondeu a Delmiro Hermida, xerente do Mercado Municipal de Travesas, que falou das experiencias prácticas de remodelación de Mercados Municipais no ámbito de Galicia, e a Yolanda Domínguez, técnica da área de Mercados Minoristas da E.N. MERCASA, que expuxo un proxecto de futuro como é a Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra. A creación de marcas únicas, satisfacer as necesidades dos consumidores ou a posta en marcah de servizos como o reparto a domicilio foron algunhas das ideas que viron a luz nesta primeira diagnose do que pode ser a renovación do edificio.