CULTURA
Continúa aberto o prazo para participar do III Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo
Martes 3 de abril do 2007
O certame recompensa a redacción de artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, con propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística nalgún sector ou ámbito determinado, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, etc. Os artigos presentados deberán ter entre 3.500 e 4.500 caracteres con espazos incluídos. Con este premio colaboran oitos medios de comunicación escrita en papel e electrónicos, que publicarán os artigos gañadores. Estes son A Nosa Terra (semanal), A Peneira (quincenal), Diario de Bergantiños (diario), Galicia Hoxe (diario), La Opinión de A Coruña (diario), La Voz de Galicia (edición Carballo, diario), Tempos Novos (revista mensual) e Vieiros (xornal dixital). Na edición de 2006 gañaron os artigos «Sinfonía en galego maior», da profesora luguesa Ana Rodríguez Barreiro, e «Un idioma na cetaria», do xornalista de Cerceda Ramón Vilar Landeira, hoxe director de Vieiros. Na primeira edición do certame os artigos gañadores foron «Avó, avó, vin o arco da vella», da dinamizadora sociolingüística noiesa Olga Patiño, e «A lingua galega na boca dos novos galegos», do profesor redondelán da Universidade de Vigo Xurxo Fernández Carballido.