Inicio Carballo ao día Hemeroteca Quintana anuncia o compromiso da Xunta co plan...

RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Quintana anuncia o compromiso da Xunta co plan estratéxico de Carballo

Mércores 21 de setembro do 2005

Durante o encontro no que se lle presentou o plan estratéxico para Carballo, o vicepresidente da Xunta indicou que, "tanto pola importancia poboacional e xeoestratéxica, como por ser a porta da Costa da Morte, Carballo merece a atención e o compromiso por parte do goberno galego".

Entre os proxectos que se lle presentaron atópase unha nova ampliación do polígono industrial de Bértoa, posto que, á vista das múltiples peticións para a implantación de industrias de todo tipo, se considera insuficiente a superficie prevista na segunda fase do polígono industrial. No informe explícase que o territorio de influencia do parque empresarial de Carballo, xunto co da Laracha, comprendería as cinco comarcas das que se compón a denominada Área funcional da Coruña, que aglutina 39 concellos.

Industria e comunicacións

Canto ás comunicacións, no informe presentado a Quintana contémplase o proxecto dunha circunvalación de Carballo, que axilice o tráfico no casco urbano, mellore as conexións na comarca e se convirta - tal e como se expresa no documento - no "anel recolector dunha rede viaria radial" que artelle a conexión coas 17 parroquias que o rodean.

Relacionado tamén con isto, atópase a demanda da gratuidade da autoestrada A-55 que conecta Carballo coa Coruña, e o proxecto de urbanización dos accesos á vila. Neste apartado inclúese a urbanización da Avenida de Malpica, e das estradas Carballo - A Coruña e Carballo - Fisterra.

O alcalde de Carballo tamén quixo recabar o apoio do vicepresidente da Xunta no tocante ao proxecto de construción da Casa dos Oficios - no que se ubicará o Centro municipal de formación - e que suporá a "revalorización do barrio da Milagrosa, falto de equipamentos e espazos públicos para apoiar así o seu desenvolvemento e a súa integración no entramado social e urbanístico da vila", segundo se explica no informe.

Compartir: