Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde solicita o apoio do goberno galego para...

RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

O alcalde solicita o apoio do goberno galego para construír un hospital comarcal en Carballo

Mércores 21 de setembro do 2005

No informe que se lle presentou a Quintana explícase que en Carballo se xestiona o maior número de consultas, de derivacións a hospital e de asistencia de enfermería da comarca de Bergantiños. O Goberno municipal entende que coa creación dun novo hospital se axilizarían os trámites e a atención sanitaria. "Os datos indican que, por poboación e xestión, Carballo debera contar cun centro hospitalario comarcal", recóllese no informe.

Outra das propostas que o alcalde lle presentou ao vicepresidente refírese á rede de saneamento e de abastecemento no litoral do Concello, caracterizado por ser de titularidade privada, e que había beneficiar a un total de 1.600 veciños, que se converterían en 5.000 durante o verán.

No plan estratéxico para Carballo tamén se recolle a proposta para crear zonas deportivas e de recreo na Agra da Lagoa e O Bosque. O proxecto - que afecta a un total de 887.447 metros cadrados de superficie - contempla a recreación dunha zona deportiva, de 46.362 metros cadrados e a reserva de 40.000 metros cadrados de zonas verdes locais recreo. Téñense en co ta tamén a superficie ocupada polo parque do río Anllóns, a superficie construída lucrativa, as prazas de aparcadoiro e a superficie de espazo viario, na que se inclúen beirarrúas, calzadas ou prazas.

Mercado de abastos

Durante o encontro con Quintana, os representantes do Goberno municipal solicitaron tamén o apoio da Xunta de Galicia para o proxecto de traslado do mercado de abastos. O proxecto contempla o acondicionamento das naves que foron a antiga Estación de trolebuses para mercado provisional, recollendo tanto os usos do mercado de perecedoiros coma os usos comerciais interiores e exteriores; así coma o acondicionamento do contorno inmediato das naves para mellorar a súa accesibilidade e posibilidades de usos.

Compartir: