Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cursos, obradoiros, novos programas e...

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Cursos, obradoiros, novos programas e Literactúa centran a actividade de normalización lingüística nos vindeiros meses

Xoves 22 de marzo do 2007

Dentro do programa Literactúa deron a coñecer as obras propostas para o segundo trimestre do ano, así como os días e lugares das conversas coas autoras e os autores. A obra proposta para o mes de abril é Vidas exemplares, de Uxía Casal, que estará o mércores 25 de abril a partir das 20.30 h no Pub Silfo. A conversa con esta autora enmárcase tamén dentro das actividades da Semana do Libro e a Lectura, que se centrará na temática do medo, como este singular volume con vinte e un intensos relatos de medo e intriga. No mes de maio a obra proposta é Home sen nome, de Suso de Toro, que estará o mércores 30 de maio na Cervexaría San Xoán, e no mes de xuño O club da calceta, de María Reimóndez, que conversará coas lectoras e lectores o 27 de xuño no Café Colón. Ademais, neste segundo trimestre de Literactúa inclúese, ademais do libros propostos e as conversas cos autores e autoras, a presentación do libro Palabras contadas, máis dun cento de microrrelatos, argumentos de novela, etc. Camilo Franco presentará este seu innovador libro o mércores 9 de maio na Cervexaría Dublín a partir das 20.30 h, e farao dun xeito particular: mediante unha performance, acompañado do músico Magín Blanco.

Cómpre lembrar ademais que o mércores 28 terá lugar a conversa con Francisco Castro, autor de Spam, a obra proposta para o mes de marzo. A conversa
terá lugar ás 20.30 h na Taberna Café O’Patacón, onde haberá tamén unha actuación musical de funk-fusión instrumental a cargo de Álvaro Muras.

Por outra banda, desde o mércores 21 de marzo uns vinte rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato de Carballo participan no Pazo da Cultura nos Obradoiros Máis Alá!, que consiste en 9 sesións que terán lugar os mércores de 18.30 h a 20.30 h, durante 9 mércores, e nunha excursión dunha fin de semana, onde as rapazas e rapaces participantes en Carballo convivirán en Allariz con outras rapazas e rapaces participantes destes mesmos obradoiros que teñen lugar noutros concellos (Pontevedra, Santiago, Ames, etc.). Nesta actividade extraescolar trabállase a sensibilidade lingüística, a adquisición de actitudes positivas de cara á lingua, a potenciación da participación, a creatividade persoal e colectiva, o desenvolvemento da autonomía persoal, o diálogo como método de reflexión, a educación en valores, etc.

Foron presentados tamén os cursos de galego 2007. Haberá un de nivel iniciación e outro de nivel perfeccionamento, e os dous terán lugar entre o 7 de maio e o 19 de xuño, en horario de 18.30 h a 21.00, no IES Isidro Parga Pondal. A inscrición para participar debe formalizarse en horario de mañá no Pazo da Cultura e antes do 20 de abril. En cada un dos cursos poden participar un máximo de 30 persoas.

Belén Lendoiro anunciou tamén a convocatoria de xuntanza para o inicio dun Programa para a multiculturalidade e a integración lingüística, na que se pretende acordar, conxuntamente coas persoas asistentes, o inicio de diversas actividades. Esta xuntanza terá lugar o martes 27 de marzo, ás 20.30 h, no Pazo da Cultura. Nela poden participar todas aquelas persoas interesadas. O programa estará especialmente dirixido a todas aquelas persoas que viven aquí pero que naceron fóra de Galiza e a aquelas que estiveron moito tempo fóra e que regresaron non hai moito. O obxectivo é que estas persoas coñezan a nosa sociedade, a nosa cultura e a nosa lingua, mais tamén que dean a coñecer a súa, que nos amosen a súa cultura e as súas tradicións.

Na conferencia de prensa tamén se lembrou que sigue aberto, até o 18 de abril, o prazo para participar no III Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que concede un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 350, ademais da publicación dos artigos nos oito medios colaboradores. BASES.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, salientou a iniciativa dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino de Carballo para iniciar un proceso que remate coa petición á Real Academia Galega (RAG) para que en 2008, ou nun prazo máximo de catro anos, se lle dedique o Día das Letras Galegas ao poeta e dramaturgo carballés Xesús San Luís Romero. Evencio Ferrero dixo que vía que se comezaban a mobilizar as asociacións, diversas entidades, anpas, librarías, etc., e que a súa intención é que chegue esta petición tamén ao Pleno do Concello para formalizar o apoio da institución municipal de Carballo á petición de homenaxe a Xesús San Luís Romero, o que significará que se lle dediquen numerosos recursos e esforzos, institucionais e non institucionais, a investigar, estudar, analizar, publicar e difundir a vida e obra do autor. Salientou ademais que o ideal é que o resto de concellos de Bergantiños e da Costa da Morte tamén amosen o seu apoio a esta petición.

Na conferencia de prensa tamén se lembrou que mañá, venres 23 de marzo, terá lugar en Carballo a entrega dos XVI Premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia.

Compartir: