Inicio Carballo ao día Hemeroteca Convocada unha xuntanza para o inicio do programa...

CULTURA E LINGUA

Convocada unha xuntanza para o inicio do programa para a multiculturalidade e a integración lingüística

Martes 20 de marzo do 2007

Ao longo do programa desenvolveranse diversas dinámicas para traballar a lingua, para coñecer a prensa do país, a música, o teatro, a literatura, internet, etc., para facilitar o acceso ao mundo laboral, a integración na sociedade galega e carballesa, etc.

Galiza -e a sociedade galega- ten unhas características particulares debido a que conta cunha historia, cunha cultura e cunha lingua propias e diferenciadas das outras do seu contorno. As institucións galegas, entre elas o Concello de Carballo, dedícanlle esforzos á normalización da lingua galega co obxectivo de que o galego sexa o vehículo de comunicación normal en todo tipo de relacións na nosa sociedade (nas relacións familiares, na administración, na escola, nas actividades económicas, etc.). Por todas esas razóns, desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo quéreselle facilitar a integración nesta nosa sociedade a todas aquelas persoas que se acaban de incorporar a ela, ben por ser naturais doutro país, ben por estar fóra de Galiza durante algún tempo. E para cumprir con isto preténdese comezar a desenvolver este Programa para a multiculturalidade e a integración lingüística.

A gran maioría da poboación galega e carballesa fala galego; a gran maioría das actividades socioculturais organizadas desde o Concello (teatro, música, conferencias, etc.) desenvólvense en galego; o sistema educativo funciona en boa parte en galego, etc. E para que todas as persoas teñan acceso a todos os servizos en igualdade de condicións, desde o Concello de Carballo quéreselle facilitar o coñecemento da nosa lingua e da nosa cultura a todas aquelas persoas que non as coñezan. Ao mesmo tempo, débese considerar que a multiculturalidade é unha riqueza. E en Carballo conviven persoas orixinarias de moitos países e de moitas culturas (Uruguai, Arxentina, Colombia, Italia, Portugal, Brasil, China, etc.). O obxectivo non é simplemente que estas persoas coñezan a nosa sociedade, senón tamén que dean a coñecer a súa, que nos amosen a súa cultura e as súas tradicións.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística de Carballo xa se organizaron outros anos Obradoiros de integración lingüística e cultural, e, nesta liña, desenvolverase este programa.

Compartir: