Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta oferta 32 prazas gratuitas para un...

SERVIZOS SOCIAIS

A Xunta oferta 32 prazas gratuitas para un programa de turismo para maiores

Luns 19 de marzo do 2007

Os requisitos para participar desta iniciativa son ser maior de 65 anos ou pensionista maior de 60 (os cónxuxes están exentos de cumprir esta condición); residir en Galicia; valerse por si mesmo, atoparse en condicións de asistir ao programa e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa; non padecer trastornos mentais ou condutuais que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da quenda; para as quendas de carácter termal, precisar os tratamentos balneoterápicos solicitados e carecer de contraindicación médica para a súa recepción; e efectuar a inscrición e pagamento do prezo estipulado (agás no caso das prazas gratuitas) no prazo estabrecido. O desprazamento ao lugar farase en autocar de luxo ou avión, segundo proceda, desde os puntos de saída (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). A estadía será en habitacións dobres en réxime de pensión completa, con baño ou ducha, auga quente e calefacción, sendo o réxime alimenticio especial para as persoas que, por prescrición médica, o requiran. O programa conta con asistencia sanitaria, tratamentos termais (cando procedan), actividades socio-culturais, cea extraordinaria de despedida e póliza de seguros (segundo prescricións técnicas do concurso de adxudicación do programa). As modalidades que recolle o programa son Termal, con prezos de entre 260 e 349 euros, Intercambio, entre 175 e 196 euros, Praia, 166 e 300 euros, e Turismo de saúde, cun prezo de 160 euros. A documentación a entregar consta do modelo de solicitude, informe médico do solicitante, fotocopia do DNI, certificación acreditativa ou fotocopia compulsada da pensión que recibe, fotocopia compulsada da Declaración da Renda, do Libro de Familia (no caso das vodas de ouro) e informe social relativo ao solicitante e ao seu cónxuxe se procede. No caso de que dúas persoas queran acudir ao mesmo destino e quenda, presentarán unha única solicitude, para a súa baremación conxunta, acompañada da documentación indicada.

Compartir: