OBRAS
O Concello asina o contraro para a segunda fase do Paseo Fluvial do Río Anllóns
Xoves 15 de marzo do 2007
O goberno municipal, dándolle continuidade á anterior actuación, quere levar a cabo a realización dun verdadeiro paseo fluvial, onde non se establecen barreiras entre os dous medios (terra e auga). Plantéxase un paseo con intervencións mínimas no medio, coa dotación dun sendeiro dun ancho medio de dous metros. O material que se emprega para a actuación é pavimento terrizo na área peonil e pedra de corte irragular en varias áreas de descanso. Trátase dunha actuación branda co obxectivo de armonizar o contorno tanto na súa textura como coloración. O límite da zona de servidume -de 5 metros- márcase discretamente empregando madeira nunha disposición de trabes deitadas. Non representa unha barreira física demasiado evidente, senón tan só a materialización da linde coas parcelas veciñas. En canto ao mobiliario urbano, utilízase o estrictamente necesario coa dotación de papeleiras uniformemente distribuidas ao longo do percorrido e bancos situados nas áreas de descanso, ademáis dos pasos precisos colocados sobre os regatos existentes. O mobiliario é de madeira tratada para exteriores, de deseño simple e de alta durabilidade. Na zona da antiga depuradora faise unha actuación máis concisa, querendo contar coa aínda recente memoria histórica desta zona. Así, aprovéitase un espazo recollido polo discorrer do río para crear unha zona de descanso.