Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero inaugura unha exposición...

CULTURA

Evencio Ferrero inaugura unha exposición de fotografías de Xurxo Lobato

Mércores 21 de setembro do 2005

A exposición está formada por un total de 80 fotografías de grande formato nas que o autor reflicte diversos aspectos da xeografía, da historia e da actividade socioeconómica de Galicia dende o seu particular punto de vista. Así, pódense observar dende o cabo Fisterra, os canóns do Sil ou a Torre de Hércules ata as factorías de Zara e Citroen ou a ponte de Rande.

As fotografías do coñecido fotoxornalista Xurxo Lobato están acompañadas de textos informativos sobre a paisaxe, a economía, a demografía, a biodiversidade ou os xeitos de actuación e do home no seu contorno. Os textos relacionados coa historia e a tradición están escritos por Xosé Ramón Barreiro, os de ecoloxía e medio ambiente son de Ramón Núñez Centella, os de xeografía e urbanismo de Andrés Precedo, os relacionados coa cultura e a arte están elaborados por José Manuel García Iglesias, e os que se refiren á economía son de Alberto Meixide. Miguel Anxo Seixas é o autor do texto do catálogo.

Xurxo Lobato (Monelos, A Coruña, 1956), premio Ortega y Gasset de xornalismo, está licenciado en Xeografía e Historia e forma parte da Real Academia de Belas Artes Nosa señora do Rosario. Autor de numerosas publicacións fotográficas, dedicou a maior parte da súa vida profesional ao mundo da prensa, onde foi redactor xefe de fotografía de La voz de Galicia e colaborou con prestixiosas publicacións como El País, El Mundo, Cambio 16, Vogue, National Geographic e Dier Spiegel.

Galicia, camiño celeste foi producida pola Fundación Caixa Galicia en colaboración con Lunwerg Editores - e coa Consellaría de Medio ambiente da Xunta de Galicia - e xa foi exposta ao público noutras cidades e vilas galegas. As fotografías e os textos que conforman a exposición están recollidas no libro que leva o mesmo título. Xurxo Lobato conta con outros libros publicados como Sahara: luces y sombras, Viguissimos, Guía del camino de Santiago e No país do nunca máis.

Compartir: