Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello ultima un regulamento que incentiva a...

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Concello ultima un regulamento que incentiva a colaboración veciñal coa administración

Luns 11 de xullo do 2005

O Regulamento de Participación cidadá é un órgano de colaboración activa nas cuestións de interese para as organizacións non lucrativas do Concello e está destinado a facer propostas que lles afecten aos cidadáns, por unha mellora continuada no diálogo, na relación e nos servizos que o Concello mantén con estas entidades para incrementar e soster a calidade de vida. Co novo texto preténdese establecer as formas, os medios e os procedementos de información e de participación tanto dos veciños como das entidades e asociacións na xestión municipal de Carballo. Entre os seus obxectivos fundamentais está o de crear unha serie de órganos e de mecanismos que garantan a información dos cidadáns.

A novidade principal do novo texto é a creación dos Consellos Parroquiais, que son "órganos desconcentrados de participación, consulta, información, control e propostas da xestión municipal carentes de personalidade xurídica propia que permiten e impulsan a nivel parroquial a participación de veciños, colectivos e entidades". O conselleiro parroquial é o representante do Concello na parroquia, será nomeado polo alcalde de Carballo, a proposta da Asemblea parroquial. O Goberno municipal deseñou estes órganos co obxectivo de fomentar a participación directa e descentralizada dos veciños, colectivos, asociacións e entidades, en actividades do Concello.

Outra das novidades previstas no novo regulamento é a creación dunha Oficina de Atención Cidadá para lle dar resposta correcta e eficaz ás demandas da cidadanía. Coa intención de que o Concello coñeza o número de entidades existentes na zona créase o Rexistro Municipal de Asociacións.

Prevese tamén crear un Consello Económico e Social, un órgano consultivo da Corporación que permitirá a participación das organizacións económicas e sociais de Carballo nos campos do desenvolvemento local e da planificación estratéxica.

No texto inclúese a aparición de Consellos sectoriais ou de área, que son órganos de participación, información, seguimento, proposta e suxestións na xestión municipal. O seu obxectivo fundamental é o de canalizar a través de organizacións e asociacións legalmente constituídas a participación dos cidadáns en asuntos do municipio que afecten a consumidores e a usuarios. No texto indícase que se poderán crear consellos deste tipo para cada un dos sectores ou áreas da actividade municipal.

O borrador do texto do Regulamento de Participación Cidadá foi debatido o luns 11 de xullo por todos os portavoces municipais. Unha vez se presenten as alegacións pertinentes a este borrador, será sometida a debate na próxima Comisión informativa.

Compartir: