Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello asina un convenio en materia de...

MEDIO RURAL

O Concello asina un convenio en materia de prevención e defensa contra incendios forestais

Luns 26 de febreiro do 2007

O Concello de Carballo comprométese á realización de traballos prevenctivos que diminúan a carga e a continuidade do combustible vexetal, mediante a xestión de biomasa existente nas faixas de especial protección, contribuíndo así a diminuir o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros. Os traballos consistirán principalmente na realización de desbroce a feito e selectivo (mecanizado ou manual), respectando as especies vexetais protexidas pola lexislación vixente e os cultivos agrícolas. Estas actuacións abranguerán polo menos unha franxa de 25 metros arredor de calquera edificación, urbanización, obras, instalacións insdustriais, eléctricas ou infraestructuras de transporte, situadas a menos de 400 metros do monte. Este tipo de traballos quedará condicionado, en todo caso, a que non existan problemas de erosión na zona. O esforzo das actuacións contempladas no convenio debe priorizarse manexando criterios que atenda á riqueza do patrimonio forestal existente, a factores de risco potencial de incendios e á vulnerabilidade do territorio. Neste senso, priorizaranse as actuacións nas Parroquias de Especial Risco localizadas no concello.

O Acordo Marco de cooperación entre a Consellería de Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias acorda as regras xerais polas que a Consellería do Medio Rural fomentará a participación da FEGAMP e das Entidades Locais que así o soliciten, na finalidade común de actuar nas tarefas de prevención nas zonas delimitadas como faixas de protección de núcleos ao obxecto de evitar os incendios forestais ou, cando menos, de minorar as súas consecuencias e o seu impacto negativo.

Compartir: