Inicio Carballo ao día Hemeroteca Convocada a terceira edición do Premio a...

LINGUA

Convocada a terceira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Luns 19 de febreiro do 2007

O certame recompensa a redacción de artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, con propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística nalgún sector ou ámbito determinado, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, etc. Os artigos presentados deberán ter entre 3.500 e 4.500 caracteres con espazos incluídos. Con este premio colaboran oitos medios de comunicación escrita en papel e electrónicos, que publicarán os artigos gañadores. Estes son A Nosa Terra (semanal), A Peneira (quincenal), Diario de Bergantiños (diario), Galicia Hoxe (diario), La Opinión de A Coruña (diario), La Voz de Galicia (edición Carballo, diario), Tempos Novos (revista mensual) e Vieiros (xornal dixital).

O prazo de presentación de artigos remata o 18 de abril de 2007.

Na edición de 2006 gañaron os artigos «Sinfonía en galego maior», da profesora luguesa Ana Rodríguez Barreiro, e «Un idioma na cetaria», do xornalista de Cerceda Ramón Vilar Landeira, hoxe director de Vieiros. Na primeira edición do certame os artigos gañadores foron «Avó, avó, vin o arco da vella», da dinamizadora sociolingüística noiesa Olga Patiño, e «A lingua galega na boca dos novos galegos», do profesor redondelán da Universidade de Vigo Xurxo Fernández Carballido.

As bases completas do premio poden descargarse aquí. Tamén se pode obter máis información no teléfono 981 704 304.

Compartir: