OBRAS DE ACONDICIONAMENTO
Acordo unánime para acometer o proxecto medioambiental de Razo - Baldaio
Xoves 15 de setembro do 2005
Á reunión asistiron o delegado provincial de Medio ambiente, Manuel Tajes, a delegada provincial de Pesca e Asuntos marítimos, Rosa María Liaño, o responsable de Costas de Galicia, Rafael Eimil, os concelleiros de Medio ambiente, Manuel Luis Pan, Servizos, Luis Lamas, Urbanismo, Manuel Andrade, e Facenda, José Antonio Viña, o colectivo de mariscadoras e a asociación de veciños de Lema.
Unha das accións que se contemplan nesta primeira fase do proxecto medioambiental Razo - Baldaio é a de reservar unha zona para o marisqueo á que se lle van instalar unhas comportas para o control mareal. Este era un dos puntos de desacordo que bloqueaban o proxecto e que se conseguiu solucionar na celebrada o 16 de setembro. A asociación de mariscadoras comprometeuse por escrito a xestionar a apertura desas comportas para garantir o intercambio mareal e o representante da Consellaría de Medio ambiente deulle o visto e prace ao proxecto.
Esta primeira fase tamén inclúe a substitución da estrada do camping por unha pasarela de madeira, o acondicionamento da antiga ponte da boca da ría, a eliminación de algúns muros artificiais que impiden o trasvase da auga e da area, a marcaxe dunha senda peatonal dende a marisma ata Razo, o dragado superficial das zonas indicadas polos biólogos e a canalización do río de Razo con toros de madeira. Na reunión tamén se acordou trasladar a area sobrante da praia de Baldaio cara á de Razo, así como a sinalización e o control de todo o recinto para impedir o acceso de vehículos a motor.
O obxectivo deste encontro foi concretar a primeira fase do proxecto medioambiental Razo - Baldaio do Ministerio de Medio ambiente, que está presupostado en máis de dous millóns de euros. O Concello de Carballo está a traballar no proxecto dende maio de 1999.