Inicio Carballo ao día Hemeroteca A web municipal publica cinco convocatorias de...

CONTRATACIÓN

A web municipal publica cinco convocatorias de concursos e licitacións

Mércores 14 de setembro do 2005

Das cinco convocatorias, hai dúas nas que os pregos de condicións administrativas e os das prescricións técnicas están a disposición dos interesados na propia web. Trátase das dúas contratacións relacionadas co proxecto Turismo e desenvolvemento sostíbel "Turmas", da iniciativa comunitaria Interreg III. A primeira delas refírese a unha consultoría e asistencia para a contratación das accións previstas no citado proxecto e o importe de licitación é de 15.097,50 euros. O outro contrato refírese á consultoría e asistencia da acción "Axendas locais 21", que se enmarca no mesmo proxecto e ten como importe de licitación un total de 19.764,70 euros.

O Concello de Carballo anuncia tamén a contratación da consultoría e asistencia para elaborar o inventario municipal de bens, que conta cun importe de licitación de 80.000 euros. Outra das convocatorias está relacionada co Plan municipal integral de accesibilidade, co que o Concello pretende eliminar as barreiras arquitectónicas no casco urbano e nos accesos aos edificios municipais. O concurso refírese ao contrato da consultoría e da asistencia para elaborar o plan de actuación para a accesibilidade no municipio de Carballo, que conta cun importe de licitación de 69.500 euros.

O último dos anuncios refírese ao arrendamento dun local destinado a funcionar como almacén para a Brigada de obras do Concello de Carballo e conta cun importe de licitación de 60.000 euros e un prazo de arrendamento de dous anos.

Os pregos de cláusulas administrativas particulares e as prescricións técnicas dos expedientes de contratación referidos a estas tres últimas convocatorias deberanse recoller no Servizo de Contratación das oficinas xerais do Concello de Carballo (Teléfono: 981 704 704). Os anuncios das cinco convocatorias foron publicados na prensa e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o sábado 10 de setembro.

Compartir: