Inicio Carballo ao día Hemeroteca O escritor Diego Ameixeiras abre o ciclo...

CULTURA

O escritor Diego Ameixeiras abre o ciclo ‘Literactúa’ no pub Silfo de Carballo

Mércores 31 de xaneiro do 2007

Diego Ameixerias naceu en Lausanne, Suíza, en 1976, aínda que en realidade el é ourensán. Profesionalmente é xornalista e traballa como guionista de televisión, e anteriormente foi redactor do Diario de Pontevedra e formou parte do equipo de www.bravu.net. Antes de Tres segundos de memoria, a obra de Literactúa para xaneiro de 2007, publicou dúas novelas de grandísimo éxito, Baixo mínimos (Xerais, 2004) e O cidadán do mes (Xerais, 2006), ambas as dúas protagonizadas polo detective Horacio Dopico. Con Tres segundos de memoria gañou o Premio Xerais de Novela 2006. Esta última obra é unha novela habitada por personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles correspondía. Unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor.

Toda a información do programa Literactúa está actualizada no blog www.carballo.org/literactua, onde se anunciarán e comentarán os libros propostos, onde se difundirán os actos cos autores e autoras, onde haberá información completa do programa, onde todas e todos poderedes comentar e opinar e desde onde se fará un seguimento actualizado de todas as accións que se desenvolvan. As lecturas propostas para o primeiro trimestre do ano, ademais de Tres segundos de memoria, son Herba moura, de Teresa Moure, que estará o mércores 28 de febreiro no Café Valle Inclán ás 20.30 horas, e Spam, de Francisco Castro, que estará o mércores 28 de maio no Café-Taberna O Patacón, tamén a partir das 20.30 horas.

Compartir: