VISITA INSTITUCIONAL
O delegado provincial de Educación visita os colexios de Carballo
Martes 13 de setembro do 2005
Na entrevista que mantivo o delegado provincial co alcalde e coa concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro, presentóuselle un informe no que se expoñen as necesidades tanto de infraestruturas educativas como formativas existentes en Carballo.
O rexedor agradeceulle ao delegado provincial que acudise a coñecer a realidade dos centros educativos e amosoulle a disposición e o compromiso de colaboración do Concello de Carballo coa Consellaría de Educación e Ordenación universitaria, "para manter un ensino público de calidade, que é un obxectivo prioritario do Goberno municipal", sinalou.
Entre outras, solicitouse un ciclo superior de comercio e marketing, un ciclo de informática, a necesidade de reforzar os equipos de orientación dos centros do Concello, a ampliación da oferta de ensino para adultos, unha maior colaboración económica da Consellaría para o Conservatorio ou a ampliación da oferta da Escola de Idiomas.
Tras a entrevista, os responsables do Concello acompañaron o delegado provincial a visitar os colexios para que coñecese tanto as súas peticións como as obras realizadas polo Goberno municipal. Nas visitas estiveron presentes o concelleiro delegado de Servizos e Mantemento, Luis Lamas, o concelleiro delegado de Facenda, Contratación e Patrimonio, José Antonio viña, e o Inspector de zona educativa, Manuel Abeledo.
Investimento municipal
A primeira visita realizouse ás instalacións deportivas da zona do IES Alfredo Brañas, no Chorís, onde o Concello está a realizar a segunda fase das obras de acondicionamento - o investimento total nesta zona é de 380.000 euros - para despois visitar o colexio Fogar, onde o director expuxo as necesidades de mellora no centro.
No colexio Bergantiños, o delegado provincial puido visitar as obras dos patios exteriores - nas que o Concello investiu un total de 10.337, 91 euros - no CEIP A Cristina visitaron as obras do polideportivo, que case chegan aos 85.000 euros, e remataron o percorrido no centro San Luis Romero, "para que o delegado vexa tamén un exemplo dun centro que conta con moi boas instalacións pero que ten moi poucos alumnos", explicou Belén Lendoiro.