CULTURA
Dous concertos de música abren a programación dos Venres Culturais
Venres 19 de xaneiro do 2007
O concerto de Joao Afonso e Uxía é unha homenaxe da AC Lumieira a Xosé Manuel Eirís. Joao Afonso é un dos máis importantes cantautores portugueses do momento, sobriño do mítico Zeca Afonso, que presenta un estilo musical herdado da mellor tracións dos cantores lusos e da música popular de Portugal, incorporando ritmos africanos e tamén sonoridades máis clásicas como as do piano. A galega Uxía Senlle ten unha ampla traxectoria artística na que se plasma o seu fondo coñecemento e contacto coa chamada músicas do mundo.
No concerto do sábado, o Coro Aires de Bergantiños ofrecerá un amplo repertorio de pezas populares da música oral galega, acompañadas de instrumentos tradicionais. O coro foi fundado hai vinte anos polo humorista Carlos O Xestal xunto cun grupo de amigos, coa intención de recuperar e divulgar o floclore tradicional galego. Está integrado por trinta compoñentes que van ataviados con distintos traxes típicos de diferentes comarcas e lugares de Galicia.