Medio ambiente

Medio ambiente

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 Ext 2006
info@carballolimpo.com

Ver localización

PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SOSTIBLE (PACES)

Un dos problemas ambientais primordiais ao que se enfronta a nosa sociedade na actualidade é a loita contra o cambio climático. A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos Alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar as autoridades locais e os cidadáns no desenvolvemento e na aplicación da política enerxética da Unión Europea.

A partir do éxito do Pacto dos Alcaldes, en 2014 lanzouse a iniciativa Mayors´Adapt. O 15 de outubro de 2015, a Comisión Europea lanzou o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía (Covenant of Mayors for Climate & Energy), fusionando as iniciativas anteriores.

O Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía consiste no compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando pola súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a el, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.

Para alcanzar estes obxectivos, os municipios adheridos ao Pacto comprométense a redactar un Plan de acción para o clima e a enerxía sostible (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión. O PACES inclúe un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos deberase presentar un informe de seguimento do PACES.

O Concello de Carballo adheriuse ao Pacto dos Alcaldes o 25 de febreiro de 2019 obrigándose, segundo o compromiso asinado, a elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES) nun prazo máximo de dous anos, tras a sinatura de adhesión ao pacto. A elaboración do proxecto foi co-financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a través do Fondo Europeo De Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cunha subvención de 11.000 euros.
O Plan de Acción Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES) de Carballo é un instrumento da administración local encamiñado a:

  • Elaborar un inventario de emisións do concello de Carballo, para os efectos de obter un diagnóstico de referencia das emisións de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro) resultantes do consumo de enerxía.
  • Definir accións de minimización con fin de aumentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxía no concello, e, por conseguinte, que procuren diminuír as emisións de GEI e melloren a calidade do aire do territorio.
O Concello de Carballo emitiu á atmosfera, durante o ano 2011, 137.111,75 t CO2, o que corresponde a 4,38 t CO2/hab. O sector que máis contribúe ás emisións é o transporte privado e comercial, responsable do 70 % de todas as emisións. Séguelle o sector de edificios, equipamentos e instalacións residenciais cun 23%. O alumeado público, os edificios e equipamentos terciarios e o transporte público suman en conxunto o 7 % das emisións totais.

As medidas propostas neste plan prevén que o municipio de Carballo reduza as emisións de CO2 nun 40% ata 2030, con respecto ás emisións do ano 2011. As medidas de mitigación contemplan os diferentes sectores que contribúen ás emisións atmosféricas e pretenden unha redución aproximada do 63% que abrangue os sectores con maior emisións de CO2.

Ligazóns

Descargas

Compartir: