Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Carballo estreouse na presidencia da asociación Alingua nunha asemblea xeral que reuniu a representantes de 14 concellos

O noso concello liderará nos vindeiros catro anos distintas accións encamiñadas a aumentar o número de falantes en galego

Martes 22 de outubro do 2024

O Concello de Carballo iniciou este martes a súa andaina na presidencia da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) acollendo unha xuntanza da asemblea xeral, na que participaron os concellos da Baña, Betanzos, A Coruña, Ames, Moaña, Narón, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vilagarcía de Arousa.

Tamén foi día de estrea para o concelleiro Ramón Varela, novo presidente de Alingua, que estivo acompañado na presidencia polo alcalde, Evencio Ferrero. Da xunta directiva forman parte, ademais, María Dolores Chapela Pérez, en representación do Concello de Moaña, como vicepresidenta; Demetrio Gómez Xunqueira, de Pontevedra, secretario; Gonzalo Henrique Castro Prado, da Coruña, tesoureiro, e nas vogalías figuran María del Carmen Lorenzo Tojeiro, de Narón; Victoria Quiroga Ramallo, de Rois, e María Barral Varela, de Betanzos.

Nesta sesión de entidades locais, entre outros asuntos, aprobáronse as liñas xerais de actuación no que queda de ano e de cara ao ano 2025 e tamén se analizaron as accións realizadas por Alingua en 2023 tales como a campaña É túa. Pásaa! que inclúe un vídeo musical de Fátima Pego e Grande Amore; material promocional; o gran reto, unha serie web con formato de vídeo blog; o catálogo de referentes, entre os que figura a carballesa Verónica Bolón, Premio Nacional de Investigación 2024, e que se complementa cunha unidade didáctica que está a disposición libre de todos os centros de ensino, e a cartografía sensorial.

En canto a esta última, no caso de Carballo, pódense personalizar para enviar en liña dúas paisaxes sonoras: nunha delas participa un pintor do Renexa Fest e na outra, o concelleiro Juan Seoane xunto coa súa familia, co fin de deixar patente a riqueza lingüística que conservamos nesta zona. Por estas accións Alingua recibiu o Premio Alfredo Iglesias na súa terceira edición e tamén polo seu compromiso coa promoción do idioma galego.

Con respecto ás accións que se van desenvolver proximamente, a directiva xa mantivo un primeiro contacto con Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, para realizar algunha delas de maneira conxunta. A proposta de Alingua foi moi ben acollida pola súa parte e vaise comezar no prazo máis breve posible.

A Carballo, que é sede de Alingua, inda lle quedan catro anos de presidencia por diante, tempo suficiente para desenvolver accións tan necesarias de cara a aumentar o número de falantes en galego, nun momento tan decisivo para o mantemento do idioma propio de Galicia despois dos resultados da recente enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego.

Compartir: