24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS
Celebra con nós o 10º aniversario da Biblioteca Rego da Balsa. Temos unha chea de actividades!
Sábado 19 de outubro do 2024
A Biblioteca Rego da Balsa cumpre 10 anos e imos celebralo cunha chea de actividades!
Visitas ás escolas infantís
Para festexar este 10º aniversario coas crianzas de 0 a 3 anos, desde a biblioteca achegarémonos a todas as escolas infantís de Carballo entre os días 21 e 25 de outubro. Coas nenas e nenos escolleremos os mellores contos para agasallar a Sanxo, a mascota da biblioteca, e crearemos un fermoso recordo para as súas escolas.
Mural 10º aniversario
Propoñemos a elaboración dun mural colaborativo sobre papel coa técnica do collage. O deseño da imaxe xirará arredor do 10º aniversario da biblioteca. Unha vez rematado, o mural colocarase durante toda a semana no mostrador principal da biblioteca. Esta actividade realizarase o luns 21 de outubro ás 17:30 h. Está destinada a público infantil e xuvenil, desde 8 a 18 anos. Ten prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa por teléfono no 981 758 580.
Construíndo a Sanxo en 3D
Durante os primeiros días da semana do aniversario estaremos dándolle forma a unha escultura de Sanxo! Estámola facendo con materiais reciclados e sería xenial rematala entre todas. Anímaste a colaborar? Pasa pola biblioteca luns, martes ou mércores entre as 16:30 h e as 17:30 h. Actividade para maiores de 9 anos con inscrición.
Contos para sementar
Para este mes de celebración non podían faltar os contacontos na biblioteca! Contaremos relatos relacionados coa natureza. Logo faremos un obradoiro creativo entre todas as participantes e as nenas e nenos asistentes levarán un agasallo. Esta actividade realizarase o martes 22 e o mércores 23 de outubro en dúas quendas cada día: 17:00 h e 18:30 h. Está destinada ao público de 3 a 8 anos. Ten prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa por teléfono no 981 758 580.
Presentación literaria
Jesús Busto preséntanos o seu libro sobre o mar, un concepto enormemente evocador en Galicia. A obra percorre os primeiros quince anos de surf en Galicia, de 1967 a 1983, a través do testemuño dos seus protagonistas, verdadeiros pioneiros que se atreveron a mirar o mar desde outra perspectiva. Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do libro. Terá lugar o martes, 22 de outubro, ás 18:30 h. A entrada é libre ata completar capacidade.
Día do aniversario: 24 de outubro
- Café faladoiro con Xosé Ameixeiras. Comezamos o día do aniversario, 24 de outubro, ofrecendo un café ás 10:30 h para as nosas usuarias máis madrugadoras, que tamén poderán desfrutar dunha charla informal co xornalista Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz de Galicia en Carballo, na que comentarán anécdotas sobre o seu oficio e os medios de comunicación escrita.
- Actividades para a cativada. Continuamos o noso calendario de actividades pola tarde do día 24, de 16:30 a 19:30, con actividades para nenos: pintacaras, globoflexia e xogos colectivos.
- Acto conmemorativo 10º aniversario. Con este acto festexaremos os dez anos da Biblioteca Rego da Balsa, e sobre todo homenaxearemos as persoas usuarias e a comunidade que lle deu vida e a converteu no que é hoxe: un espazo público de acollida e convivencia, aberto a todas as persoas, e dedicado a difundir e promover a cultura, o coñecemento e o ocio. Para isto, o Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo amenizará o acto con varias pezas musicais. Ademais disto, contaremos con diversas intervencións, realizaremos a entrega dos premios do noso sorteo, e por último, ofreceremos uns petiscos ás asistentes. O acto comezará ás 19:30. Entrada libre ata completar as prazas.
Actuación da Escola de Regueifa
O venres 25 ás 19:00 h, visitaranos a Escola de Regueifa de Carballo co gallo do décimo aniversario da biblioteca, para poder celebrar en comunidade estes anos de difusión da cultura. Coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística de Carballo.
Obradoiro de Ilustración, caricatura, manga, humor gráfico vol. 2
O obradoiro dirixido por Mon Lendoiro e Cristina Castro está pensado para público a partir de 11 anos. Terá lugar os sábados entre o 26 de outubro e o 21 de decembro de 10:00 a 13:30 horas, en 9 sesións de 3 horas e 30 minutos cada unha, con media hora de descanso. Este obradoiro oriéntase a nenos e adultos que desexen traballar no campo da ilustración e do manga a través de diferentes proxectos ilustrativos, onde o alumno empregará as ferramentas que lle sexan entregadas polo docente. Hai 16 prazas. Para anotarse, establécese unha inscrición telefónica previa. As asistentes deben comprometerse a vir ata o remate do obradoiro.
Obradoiro creativo O noso, con Miguel Casado Freire
"Conservas o noso" é un taller creativo de arte urbana pensado para escolas e bibliotecas. Nel abordaremos a conservación do patrimonio cultural galego envasando tradicións e costumes, os participantes crearán e etiquetarán latas de conserva, fusionando creatividade e herdanza cultural nunha actividade que combina diversión e a preservación da nosa identidade galega. Terá lugar o sábado 26 de outubro ás 11:00 h, e a duración será de 1 hora e 30 minutos. Hai 15 prazas. As asistentes deberán ter polo menos 6 anos. Para anotarse, establecerase unha inscrición telefónica previa.
Visitas escolares Trinke Trinke
Co inicio do curso escolar e co compromiso das bibliotecas de fomentar a lectura, todos os anos lévanse a cabo visitas escolares para o alumnado de Carballo de 6º de infantil. Da man da compañía de teatro Trinke Trinke queremos amosarlles ás crianzas que nos contos e nos libros se agochan historias marabillosas. Ademais, como moitas delas xa empezan a enlazar as primeiras palabras, aproveitaremos para descubrirlles a biblioteca e crearlles o hábito e gusto pola lectura. Este ano terán lugar os días 28, 29 e 30 de outubro.