O Concello pon en marcha un proxecto de recuperación da microtoponimia urbana no marco de “Carballo na memoria”
A Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística promove unhas xornadas que se desenvolverán ao longo de todo o mes de setembro
Venres 30 de agosto do 2024
Este edificio, que cumpre 95 anos, será rebautizado coma Escolas do Xardín Agra de Caldas
A Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística quere reactivar Carballo na memoria. A iniciativa arrincou no 2014, hai xusto dez anos, como un catálogo fotográfico, pero queremos que vaia moito máis alá, converténdose nun gran proxecto de recuperación da nosa memoria desde o punto de vista audiovisual pero tamén literario, etnográfico ou social.
Con ese obxectivo estamos a traballar nunha serie de actividades de divulgación que empezarán a frutificar ao longo do mes de setembro. O día 5 inauguraremos as Xornadas de microtoponimia, que forman parte dun traballo de recuperación da microtoponimia urbana que está a desenvolver desde hai xa algún tempo o departamento da concelleira Ángeles Pacoret, e que permitirá á cidadanía mergullarse na historia local a través dos topónimos.
As Xornadas de microtoponimia terán distintos escenarios, e un deles será o edificio das antigas escolas do xardín, que, precisamente, neste 2024 celebran 95 anos de existencia e que reabrirán ao público tras unha pequena reforma reconvertidas en espazo multiusos. Coincidindo coa súa reapertura, o inmoble será rebautizado como Escolas do Xardín Agra de Caldas, incorporando o microtopónimo do lugar no que se empraza.
Programa
Nas Escolas do Xardín Agra de Caldas comezarán as Xornadas de toponimia o 5 de setembro, nun acto que abrirán a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ás 19.00 horas. Nesa primeira xornada acompañarannos tamén Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da RAG, que nos falará sobre o proxecto Galicia nomeada, do que é coordinador, e Xan Fraga Rodríguez, historiador, docente e escritor, co que faremos un percorrido pola historia do rueiro carballés. Ese mesmo día inaugurarase unha exposición de fotografías antigas de Carballo, que poderá visitarse durante todo o mes.
As xornadas trasladaranse á semana seguinte ata a parroquia de Verdillo. No centro social, tamén ás 19.00 horas, recibiremos a Xosé María Lema, doutor en Historia da Arte e membro correspondente da RAG, que foi o encargado da investigación sobre a orixe do topónimo da parroquia. O resultado dese traballo darase a coñecer ese xoves 12 de setembro nun acto que presentarán Belén Mato, presidenta da Asociación Cultural Arume, e Veni Serrano, secretario do Consello Parroquial de Verdillo, e que rematará coa actuación da Escola de Regueifa de Carballo.
O xoves 19 regresaremos ao núcleo urbano para realizar un percorrido pola microtoponimia carballesa guiado polo mestre, escritor, filólogo e auténtico experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles. A actividade, que coincidirá coa celebración, tamén, da Semana Europea da Mobilidade, será presentada polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, ás 19.00 horas.
Como colofón destas primeiras Xornadas de microtoponimia, o xoves 26 ás 19.00 horas reuniremos nas Escolas do Xardín Agra de Caldas a Fernando Cabeza Quiles, unha das persoas de referencia nesta iniciativa; Rocío Romar, profesora do IES Urbano Lugrís, e Marilar Alexandre, escritora, todos eles e elas participantes en distintos proxectos de recuperación de microtoponimia, que compartirán unha mesa redonda moderada por Antón Moure, produtor da serie documental Os nomes da nosa terra.
A proxección das primeiras pezas dunha serie audiovisual sobre microtoponimia carballesa e a interpretación de varias cantigas con referencias a topónimos locais por parte das cantareiras de Arume de Verdillo pecharán as xornadas.
A participación nas Xornadas de microtoponimia está aberta a toda a cidadanía. As actividades serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos nos que se desenvolverán.