Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

CURSO DE VERÁN DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O galego reivindícase desde Carballo como unha lingua apta para calquera contido das redes sociais

Un concerto de Ataque Escampe puxo fin a dúas dúas intensas xornadas de aprendizaxe e reflexión

Xoves 18 de xullo do 2024

Un concerto de Ataque Escampe pechou o XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística Traballando en Lingua nas Redes Sociais, organizado pola UDC coa colaboración do Concello de Carballo, despois de dúas xornadas que deixaron nas corenta persoas asistentes a sensación de que continúa a haber futuro para a lingua galega, a pesar de que os algoritmos non a favorecen para consumir contidos creados en galego na Rede.

Os avances están a ser moitos, tal como na enxeñaría lingüística, mais a maioría das persoas relatoras recoñeceron a necesidade de dispoñer de moitos arquivos en galego, tanto escritos como de son, a importancia de estar presente nas aplicacións e nas redes como Youtube, Twitch, Tik Tok, Instagram, Facebook..., a relevancia de formar comunidade entre todas as persoas creadoras de contidos en galego, a conveniencia do apoio de proxectos como Youtubeiras _que naceu nun anterior curso de verán da UDC en Carballo e do que forma parte o noso concello_ a importancia da ética e o compromiso lingüístico ou a vantaxe de contar, cada vez máis, con referentes.

Para as participantes nas distintas mesas de debate, a escolla do galego como lingua de relación non as prexudicou á hora de chegar ás consumidoras de contidos, dado que, para iso, o importante é o contido en si, que sexa de moita calidade, e ademais de que non lles tería sentido usar outra lingua, teñen claro que hai creadoras que no seu ámbito teñen menos seguidoras usando outras linguas.

Quedou claro, logo, que o galego é unha lingua apta para calquera contido das redes sociais, especialmente para divulgación científica, e que, unha vez que dispoñamos de recursos lingüísticos de calidade, fornecidos con iniciativas como o Proxecto Nós, o futuro da lingua verase favorecido de modo que se fomente a capacidade crítica e de debate.

Compartir: