Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Arranca o curso de verán da UDC “Traballando en lingua nas redes sociais”, que presta especial atención ao papel da IA

O curso está organizado pola Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia

Martes 16 de xullo do 2024

O XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado pola Universidade da Coruña (UDC), co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, cita estes días na localidade bergantiñá a relevantes especialistas que analizarán o uso da lingua galega a través das redes sociais e o seu papel como canle de difusión e divulgación.

Analizar e deseñar estratexias e accións para pór en valor e incrementar o uso e a visibilidade do galego nas redes sociais; detectar e estudar problemas e preconceptos existentes arredor do uso da lingua galega e valorizar o galego e a cultura propia como recurso de interese para actividades e proxectos nados das redes sociais, son os principais obxectivos deste curso de verán, inaugurado este martes.

Un acto de inauguración que contou coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.

Ricardo Cao resaltou a oportunidade que representan as redes sociais para avanzar cara a unha maior presenza e aceptación do galego no mundo dixital. “As experiencias e boas prácticas que se presentarán nestes días serán unha fonte de inspiración e unha guía para todos nós”, afirmou o reitor.

Na mesma liña, Valentín García aludiu á importancia de “poñer en valor o traballo das persoas que usan o galego nas redes sociais” pero tamén a necesidade de seguir avanzando, e nese sentido destacou a importancia que vai ter o proxecto Nós, que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe, “no día a día de todos os galegos e galegas”.

A coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos, puxo de manifesto o escaso uso do galego nas RRSS, pois segundo as últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística só un 5% das persoas utilizan exclusivamente o galego ou máis o galego que o castelán nas RRSS ou para navegar por internet. “Precisamos xerar tráfico de datos en galego en Internet para que a nosa lingua acade os mesmos privilexios que as máis privilexiadas”.

O alcalde pechou o acto inaugural lembrando que de anteriores cursos de verán xurdiron iniciativas coma Apego ou Youtubeiras, e animando ás persoas participantes a seguir traballando en “proxectos de futuro que sexan útiles para seguir fomentando o galego entre nós”. Evencio Ferrero reiterou o compromiso do Concello de Carballo coa promoción da lingua, e nese sentido cualificou coma “unha honra” a recente concesión do Premio Lois Peña Novo.

A presente edición do curso tamén se alicerza no uso e na mellora do seu proceso de normalización, traballando os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación e os métodos máis adecuados para tal propósito.

As sesións contarán con relatorios, comunicacións, mesas redondas e obradoiros para avaliar experiencias e propor medidas e accións de intervención en actividades para implicaren ás distintas entidades e persoas. As intervencións teñen como nexo promoveren o uso da lingua nas redes sociais, para alén de sesións destinadas a repararen no suceso de produtos e empresas que só utilizan a lingua propia nos seus proxectos comunicativo-sociais.

Así, o programa de relatorios inclúe desde “O impacto das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial (IA) na nosa sociedade”, a cargo de Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña na Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; ao papel do “Tiktok galego e as creadoras galegas”, sobre o que disertará Sara Seco, licenciada en Xornalismo pola USC, ou o papel da divulgación en galego nos diferentes eidos e soportes, tal e como explicará a presentadora do programa da TVG Dígocho eu, Esther Estévez.

O papel das redes sociais como canle de divulgación científica para a normalización do galego”, “Vivir en galego” a “Intelixencia artificial e futuro da lingua galega”, a “Actualidade e xornalismo nos contornos podcast e redes sociais”, e o “Galego para todo”; son os títulos das diferentes mesas redondas e relatorios que se celebrarán tamén nestes días.

Un programa no que os novos soportes e novas aplicacións, así como os futuros retos que se abren coa intelixencia artificial serán sen dúbida os protagonistas das dúas xornadas, ás que asisten un total de 40 persoas.

Compartir: