Máis de 350 familias carballesas con peques de cero a seis anos forman parte do programa Apego
Bota unha ollada ao programa de actividades para os próximos meses
Xoves 8 de febreiro do 2024
Carballo foi o berce do programa Apego e segue sendo un dos concellos locomotora deste proxecto, que, tal como explica Ángeles Pacoret, concelleira de Normalización Lingüística, trata de facilitar a socialización en galego dos nenos e nenas de cero a seis anos, achegando ás familias tanto materiais físicos e virtuais como actividades formativas e informativas, sempre lúdicas.
En coordinación con outras áreas municipais, para os primeiros meses do ano temos preparadas unha morea de actividades. Onte mesmo celebráronse no mercado municipal tres sesións de Contos miudiños, con Marisa Irimia, nas que participaron máis de cincuenta familias, e para o día 21 temos preparado un obradoiro no que contaremos con Sara Varela para que nos ensine diferentes recursos de apego para poñer en práctica nas nosas casas.
As familias que queiran sumarse ao programa Apego só teñen que achegarse ata o Servizo de Normalización Lingüística, na casa do concello
Ata o mes de xuño vanse desenvolver propostas moi diferentes, desde espectáculos de teatro, contos e música adaptados a distintos tramos de idade ata obradoiros de olaría, saúde bucodental, baile e canto tradicional ou masaxe para bebés. As citas son sempre en mércores e, na súa maior parte, no mercado municipal. Pero tamén teremos actividades ao aire libre, algunha tan chula como a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente cun percorrido polos xardíns municipais guiados pola enxeñeira técnica agrícola e paisaxista Carmen Alonso.
O proxecto Apego, que empezou a camiñar no ano 2015, conta nestes momentos con máis de 350 familias do noso concello. E todas as que queiran sumarse non teñen máis que achegarse ata a casa do concello e poñerse en contacto coa técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Carme Pereiro. Ao longo destes nove anos, o programa recibiu recoñecementos tan importantes como o Premio Rosalía de Castro ou o Premio da Cultura Galega. Os 30 concellos adheridos agrupan a máis da metade da poboación galega.