O Curruncho Pop volve á Biblioteca Rego da Balsa cun formato que vincula e mestura a literatura coa música en directo
The Waiting abrirá o ciclo de concertos cun tributo a Tom Petty o 17 de febreiro
Mércores 31 de xaneiro do 2024
Pigmy, que foi o primeiro artista en actuar no Curruncho Pop, volve a Carballo oito anos despois
Volve á Biblioteca Rego da Balsa o Curruncho Pop, un ciclo de concertos organizado pola Concellaría de Bibliotecas que acada a súa oitava edición consolidado como unha referencia cultural novedosa e orixinal na cal as propostas musicais, en ocasións en formato inédito, xiran arredor dun referente literario.
Nestes anos teñen pasado polo Curruncho Pop interesantes propostas que mesturan música e literatura, como o proxecto Desnortadas de Rosalía Fdez. Rial e María Santiago, e tamén referencias internacionais como o norteamericano Sid Griffin, que abriu o festival do ano pasado, así como outros importantes músicos do panorama estatal e galego como Diego Vasallo, Víctor Coyote, Hendrik Röver, Emilio José ou o desaparecido Rafael Berrío, sen esquecer as bandas locais como Chicharrón ou Psychofonía.
Mantendo ese mesmo formato, esta é a proposta para o Curruncho Pop 24:
Sábado 17 de febreiro
19:30h Arredor do libro ‘Tom Petty’ de Warren Zanes, con Bruno Fuente e Juancho López.
20:30h. Concerto de The Waiting
Sábado 2 de marzo
20:30h Concerto de Pigmy
Con Pigmy, o proxecto en solitario de Vicente Maciá (ex Carrots), estreamos en marzo do 2016 o auditorio da Biblioteca Rego da Balsa como sala de concertos, aproveitando o enorme potencial do edificio como espacio de acollida de todo tipo de manifestacións culturais. Oito anos despois, Vicente Maciá regresa a Carballo.
Sábado 30 de marzo
19:30h Presentación do libro ‘Hotel California’ de Barney Hoskyns, con Elvira Asensi e Carlos Rego.
20:30h Concerto de Pablo Leira – Paloma Paloma – Carlos Rego
Sábado 27 de abril
19:30h Presentación do libro ‘Música y cerveza’ de Javier Abad, a cargo do autor.
20:30h Concerto de The Bo Derek’s
Sábado 25 de maio
19:30h Presentación do libro ‘Algo muy dentro de Álex Chilton’ de Marce Moreno, con Marce Moreno e Antonio J. Moreno
20:30h Concerto de Os Chiltons (Germán Salto, Ángel Kaplan, Carlos Rego, Dani Alonso e Aser Álvarez).
Coma sempre, a entrada será libre e de balde, pero, dado que a capacidade do auditorio é limitada, poderán realizarse reservas de espazo chamando á Biblioteca Rego da Balsa ao 981 758 580.