Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

A Escola de Regueifa promovida polo Concello de Carballo segue a medrar no seu primeiro ano de vida

Unha trintena de persoas participan de xeito regular nas sesións regueifeiras, ás que tamén pode asistir o público que o desexe

Venres 20 de outubro do 2023

Actuación na Praza dos Libros

Actuación na Praza dos Libros

En menos dun ano, a Escola de Regueifa de Carballo gañou o seu primeiro premio (á mellor falada, no Enreguéifate), duplicou o número de participantes e conseguiu que a súa presenza sexa cada vez máis demandada en todo tipo de eventos sociais. Nos últimos meses, de feito, actuou na Praza dos Libros e na II Xuntanza da asociación As Landras de Bértoa.

Grazas a esta iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo descubrimos que os carballeses e as carballesas temos vocación e dotes para o canto rimado, e tamén que o relevo xeracional está asegurado.

Nestes momentos hai unha trintena de alumnos e alumnas que participan de xeito regular na Escola de Regueifa de Carballo, o dobre que no mes de marzo, pero as sesións están sempre abertas á participación das persoas que queiran regueifar e tamén das que queiran simplemente asistir como público.

Ademais de poñer en valor a regueifa e de contribuír á súa preservación e difusión por distintos medios, como a colaboración semanal con Radio Voz nun noticieiro regueifado, a escola constitúe tamén unha excepcional experiencia interxeracional, xa que entre a trintena de alumnos e alumnas habituais hai nenos de cinco anos e maiores de máis de oitenta.

Clase maxistral de Suso de Xornes

Clase maxistral de Suso de Xornes

A “profe oficial” da Escola de Regueifa de Carballo é Lupe Blanco, a mellor regueifeira de Galicia, pero como queremos que o noso alumnado reciba a formación máis completa, ao longo do ano organizamos actividades complementarias como as clases maxistrais que impartiron o repentista cubano Luis Paz Esquivel, Papillo, e Suso de Xornes; o obradoiro de técnica vocal que dirixiu Gloria Pardines en setembro ou o que vai ofrecer Carmen Rey en decembro; o de teatralización da regueifa que temos previsto para novembro con Tone Martínez, de Galeatro, ou os de regueifa bailada e decoración de regueifas que realizará a Escola do Alprende nas próximas semanas.

Unha das claves do éxito desta iniciativa é a implicación do movemento asociativo. Ademais da Escola do Alprende de Oza, a Escola de Regueifa conta coa colaboración do Casino 1889 e as entidades Nemeth, As Landras e Ría de Lema ou o Conservatorio Profesional de Música. A próxima cita será o obradoiro de decoración de regueifas previsto para o 27 deste mes, ás 19.00 horas, no mercado municipal. Se aínda non coñeces a nosa Escola de Regueifa, achégate!

Compartir: