Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

O proxecto Youtubeiras convoca a sétima edición dos seus premios baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’

Os galardóns repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o galardón do público

Mércores 27 de setembro do 2023

Na presentación participou a concelleira Maruxa Suárez

Na presentación participou a concelleira Maruxa Suárez

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, pon en marcha tanto unha nova edición dos seus premios como o programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua. Na presentación desta nova edición participou a concelleira Maruxa Suárez.

As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022. O prazo para presentarse iníciase hoxe mesmo e manterase aberto até o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal .

O proxecto Youtubeiras non só se reduce aos premios. En realidade, é un espazo maior para a unión e ao servizo dunha comunidade diversa e tamén un espazo que procuramos ampliar, e con esa finalidade desenvolveranse obradoiros nos centros de ensino dos concellos implicados. A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das voces encargadas de achegarlle ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadoras de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión para lles dar a coñecer aos seus seguidores a comunidade de creadoras de contidos na nosa lingua. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

Ligazóns

Compartir: