Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

UDC e Concello de Carballo colaboran para estender ao ámbito do lecer o traballo a prol da normalización do uso do galego

O Fórum acollerá os días 12 e 13 unha nova edición do curso de verán sobre dinamización lingüística “Traballando en lingua”

Luns 3 de xullo do 2023

Presentación do curso de verán na casa do concello

Presentación do curso de verán na casa do concello

Carballo acollerá os días 12 e 13 deste mes de xullo unha nova edición do curso de verán sobre dinamización lingüística Traballando en lingua, unha iniciativa na que veñen colaborando desde hai anos o Concello e a Universidade da Coruña e que supón unha “manifestación clara da necesidade que compartiamos de normalizar o uso do galego en todos os ámbitos e de dotarnos de ferramentas para que ese uso da nosa lingua avance, neste caso no ámbito do lecer”. As palabras son de Carlos Aymerich, secretario xeral da UDC, que estivo hoxe na casa do concello xunto co director do curso; Xosé Manuel Sánchez Rei; a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret,  e o alcalde, Evencio Ferrero, para presentar o programa.

“O galego –sinalou Sánchez Rei- debe estar presente en todas as actividades, en todos os ámbitos, e por iso, naturalmente, debe estar no lecer. Por iso a edición deste ano se centra nos aspectos dedicados a mellorar, ampliar e propor iniciativas para que o galego tamén sexa a lingua normal no noso tempo libre, no noso tempo de lecer, no sendeirismo, no deporte... E esa é tamén a vontade das persoas que participan nel, que proveñen de ámbitos diferentes máis todas teñen en común que se dedican, dunha maneira ou doutra, a traballar no lecer co galego e desde o galego”.

Tanto Ángeles Pacoret coma Evencio Ferrero destacaron a importancia da colaboración que se vén mantendo no tempo entre o Concello de Carballo e a UDC, e que se vai ampliando con iniciativas como a Universidade Sénior, que agardamos poñer en marcha de cara ao curso que vén. O alcalde puxo en valor a gran presenza que ten o galego no noso concello e na contorna. “Nese aspecto –dixo- sempre quedará traballo por facer, pero tamén é certo que un concello coma Carballo sempre será sensible a estas iniciativas”.

O prazo de matrícula para o curso de verán Traballando en lingua no lecer está aberto até o día 6 de xullo, e aínda quedan prazas disponibles. Hai diferentes modalidades de matrícula:

  • para membros da comunidade da UDC, alumnado doutras universidades, persoas desempregadas ou pensionistas terá un importe de 30 euros
  • a inscrición xeral será de 50 euros
  • haberá tamén catro bolsas con matrícula gratuíta

O curso vai destinado a persoas que traballan ou que están interesadas no proceso de normalización da lingua galega, especialmente técnicos/as de normalización lingüística, docentes, dinamizadoras/es socioculturais, estudantes, membros de asociacións, de empresas de dinamización social, lingüística ou cultural, técnicas/os de cultura, animadoras/es, etc.

Programa completo, inscrición e máis información aquí.

Descargas

Compartir: