Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Evencio Ferrero participou no primeiro Encontro lusófono organizado polo IES Alfredo Brañas

Xoves 4 de maio do 2023

O alcalde participou no primeiro Encontro lusófono organizado polo IES Alfredo Brañas, desde o seu Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e coa colaboración dos departamentos de Lingua galega e literatura e de Xeografía e Historia, e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Evencio Ferrero compartiu unha parte da mañá do xoves no Pazo da Cultura co alumnado de 3º da ESO e 1º de bacharelato; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a cantora Uxía, o músico brasigalego Sérgio Tannus e o promotor cultural galego Vítor Belho, responsable de Nordesía Producións.

O estudantado tivo oportunidade de coñecer de primeira man as principais iniciativas que se desenvolven en Galicia arredor da lusofonía e da promoción do uso do galego neste ámbito (Cantos na Maré-Maré, AriTmar, Semana de Convergências Portugal-Galiza...), para complementar así os contidos curriculares vistos nas aulas durante este curso.

Evencio Ferrero felicitou ao IES Alfredo Brañas pola iniciativa

Evencio Ferrero felicitou ao IES Alfredo Brañas pola iniciativa

Os obxectivos da iniciativa, que desenvolve desde o ámbito do ensino as directrices da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento do portugués e vínculos coa lusofonía (Lei Paz-Andrade), son incidir nas vantaxes que para o galego ten o portugués e visibilizar e poñer en valor a orixe común e proximidade lingüística, social e cultural dos idiomas falados ás dúas beiras do Miño. Cómpre salientar que o IES Alfredo Brañas é un dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que ofrecen a materia de portugués como lingua estranxeira en todos os niveis da ESO e BAC.

Compartir: