A Escola de Regueifa de Carballo recolleu o premio á mellor falada do Enreguéifate
Venres 14 de abril do 2023
Representación carballesa na Regueifesta
Representantes da Escola de Regueifa de Carballo, acompañadas pola súa profe, Lupe Blanco, e a técnica municipal do Servizo de Normalización Lingüística, Carme Pereiro, asistiron este venres en Santiago de Compostela á Gala Enreguéifate-Regueifesta, na que se realizou a entrega de premiios do certame anual de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Nesta sexta edición, os nosos representantes acadaron o galardón á regueifa mellor falada.
Unha trintena de centros de ensino de toda Galicia participaron activamente neste Encontro Regueifesta, ao que tamén asistiu alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; a regueifeira Lupe Blanco; e a regueifeira e música Olalla Liñares, a gala converteuse nunha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, e incluíu tamén unha actuación musical de O Rabelo e High Paw. O acto contou tamén con dúas intérpretes de lingua de signos co fin de garantir a accesibilidade para as persoas con discapacidade auditiva.
O Enreguéifate desenvolveu nesta sexta edición obradoiros de formación para profesorado e estudantes e un certame de regueifas en vídeo no que participaron máis de 40 propostas entre a categoría escolar e a xeral, das que 12 recolleron o seu galardón na gala deste venres. Podes velas e escoitalas todas na canle de YouTube do proxecto.
A Regueifesta naceu no curso 2015-2016 co impulso de dous institutos -o IES de Baio e o IES de Vila de Cruces- e, co apoio da Asociación ORAL e da Escola Semente, e creou un pequeno movemento de dinamización do repente galego entre as novas xeracións. Este movemento, que procura identificar valores da sociedade actual -autoxestión, participación social, intelixencia emocional, ecoloxismo lingüístico, visión internacional do idioma etc.- co uso normal da lingua galega nos espazos vitais da xente nova, é posible grazas á participación de ducias de centros de ensino -e profesorado comprometido- que fan uso da regueifa como ferramenta de transformación social. A festa da regueifa ou Regueifesta supuxo o peche festivo a esta nova edición do proxecto.