Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Un xardín inspirado no poema “Adios ríos, adiós fontes” lembrará a Rosalía de Castro en Carballo

A instalación, seleccionada no Festival internacional de xardíns de Allariz no ano 2021, foi cedida polo concello ourensán ao noso

Mércores 22 de febreiro do 2023

Moi pronto poderás percorrer en Carballo un xardín dedicado á gran Rosalía de Castro. Aínda que non estará rematado para este 23 de febreiro, converterase nun lugar simbólico para celebrar moitos máis días de Rosalía e para pasear durante todo o ano. O xardín, cedido polo Concello de Allariz, foi un dos seleccionados no ano 2021 no Festival internacional de xardíns que se celebra cada ano nese concello ourensán, e constitúe unha auténtica obra de arte de xardinería deseñada por Arquiterras, un equipo galego formado por Sara del Río Seoane, Johnatan Carreira Vázquez e Ana Barxa Cid.

O Xardín de Rosalía, situado no Parque do Anllóns, moi preto da praza Xela Arias, está inspirado no poema Adiós ríos, adiós fontes, un exemplo da literatura da autora padronesa que retrata a emigración da época, que marcou as vidas da maioría das familias galegas e que hoxe volve ser unha realidade para moitos mozos e mozas da nosa terra. Os seus autores propóñennos un paseo polas estrofas do coñecido poema a través da escenificación dalgúns dos elementos que nel aparecen, de maneira que a persoa que o visita poida imaxinarse protagonizando ese camiño cara á emigración. Deste xeito, o xardín convértese tamén nunha homenaxe aos emigrantes.

O xardín, como o poema, fará referencia aos regatos e as fontes, á hortiña, á figueira... O/a visitante pasará tamén entre plantacións de millo (cando chegue a época) e entre silveiras de amoras, de xeito que será un espazo vivo que irá mudando ao longo do ano. Tamén incluirá un espazo para o descanso e a reflexión, un banco que simulará o último contacto coa terra antes de embarcar cara a emigración. O percorrido rematará fronte a unha imaxe de Rosalía de Castro: a creada o ano pasado polo artista carballés Mon Lendoiro para o Concello de Carballo, que xa podes ver pendurada dunha gran lona nas antigas escolas do xardín.

Compartir: