Cincuenta persoas participan nas accións formativas organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística
Esta semana comezaron os obradoiros de acollemento lingüístico e os cursos preparatorios das probas Celga
Venres 3 de febreiro do 2023
As clases comezaron no Fórum Carballo
Cincuenta persoas participan nos cursos de galego organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. As accións formativas arrincaron esta semana no Fórum.
O obradoiro de acollemento lingüístico tivo moi boa acollida. De feito, xa están cubertas as 20 prazas ofertadas. Entre os/as participantes hai persoas de distintos países e continentes, que, grazas a esta iniciativa, poderán achegarse á lingua e á cultura galegas para facilitar a súa integración no noso concello. As clases impartiranse todos os xoves, ata o 22 de xuño, de 18.00 a 19.30 horas.
Tamén foi moi alta a demanda para os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, xa que contamos con trinta alumnos e alumnas repartidos en dous grupos. As clases tamén se imparten os xoves, de 19.30 a 21.00 horas, ata o 1 de xuño, xa que nese mesmo mes celebraranse as probas que convoca a Xunta de Galicia.