O Concello de Carballo recupera a figura de Xesús San Luís Romero a través do primeiro documental dedicado ao autor
A presentación da película tivo lugar no colexio que leva o nome do autor de “O fidalgo”
Venres 16 de decembro do 2022
A directora do colexio explicou ao alumnado a importancia da figura de San Luís Romero
O Concello de Carballo presenta o primeiro documental sobre a figura de Xesús San Luís Romero, un traballo que recolle testemuños, imaxes, literatura, historia e escenarios que permiten realizar un percorrido o máis aproximado posible pola vida e pola obra do ilustre autor carballés. A película, de case media hora de duración, foi producida por Nós Televisión, e o sábado 17, ás 21.00 horas, emitirase por televisión no 119 de R.
Este venres fixemos unha pre-estrea no CEIP Xesús San Luís Romero, que colaborou activamente na gravación e que protagoniza boa parte da mesma. No acto participou todo o alumnado de primaria, así coma o profesorado, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo.A directora do centro, Marisa López, agradeceu as iniciativas que se veñen realizando dende o Concello de Carballo para recuperar a memoria de Xesús San Luís, moi especialmente neste ano do 150º aniversario do nacemento do autor na carballesa rúa da Saúde, e volveu a reivindicar un Día das Letras Galegas para o autor de "O fidalgo".
A figura de San Luís presidiu o acto xunto á pantalla na que se proxectou o documental
Coincidindo co 150º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero en Carballo, o 9 de setembro celebramos na rúa da Saúde, ao pé da súa casa natal, un fermoso acto de homenaxe e recoñecemento social. Pero ademais da música que puxo a Banda Municipal de Gaitas, da lectura dramatizada de varias escenas de O fidalgo que bordaron Alba Bermúdez e Toño Casais, dos datos históricos que ofreceu o noso cronista Xan Fraga, ou mesmo da imaxe do autor que permanece aínda no escaparate grazas á colaboración do establecemento comercial situado nese baixo, queriamos completar este aniversario tan simbólico cun agasallo que perdurase para sempre.
Evencio Ferrero é, de feito, un dos participantes no documental, xunto co historiador Xan Fraga, a escritora e profesora Rosalía Fernández Rial, o sobriño-neto do autor Xosé Ramón San Luís, a directora do CEIP Xesús San Luís Romero, Marisa López, e varios alumnos e alumnas, e Antonio Rodeiro, do Grupo de Teatro da Maía, unha das poucas compañías contemporáneas que ten representado O fidalgo. Grazas a todos e todas pola colaboración. Agardamos que vos guste!